
A primeira vez que vin a Suso Díaz foi no outono de 1984, nun despacho de CC.OO. na Coruña. Estaba sentado nunha mesa tan chea de papeis que case o ocultaban. Estaba a realizar unha análise comparada de todos os convenios provinciais do metal de España, anotando de forma meticulosa, coa súa ordenada letra, todas as variables relevantes dun convenio colectivo. Entre todos aqueles papeis só quedaba sitio para un cinceiro no que sempre había un ducados acendido.
Aí estaban todas as cualidades de Suso: o sindicalista teimudo, intelixente, innovador, estudoso, propositivo, capaz de realizar estudos complexos e propostas sólidas. Comprobeino nos 41 anos que tiven o pracer e o orgullo de ser o seu amigo e camarada.
Suso comezou a traballar en Astano, o estaleiro de Fene, cando tiña 14 anos, ía á fábrica con pantalón curto. Con esa idade entrou na escola de aprendices na promoción de 1958. E seguiu en Astano ata a súa xubilación, xubilación anticipada en realidade, obrigada pola mal chamada «reconversión industrial».
Unha vida vencellada á fábrica, porque a familia de Suso vivía nas casas de San Valentín, o grupo de vivendas construídas fronte a porta de Astano, nas que pasaron os seus anos de infancia Suso, Yolanda e José, os seus fillos.
Suso traballaba na oficina técnica da empresa, a oficina vermella chamábanlle, con outros mozos combativos como Carballal, Molinuco, Veiga e o seu irmán Pepe, nun estaleiro que estivo na vangarda da loita obreira contra a ditadura. Moitos traballadores pagaron un elevado prezo polo seu compromiso. Suso tamén, porque estivo no cárcere da Coruña en 1972 condenado por ser sindicalista.
Suso foi un dos fundadores das comisións obreiras nos anos 60 do século pasado, despois da sección sindical de Astano, pasando despois á Federación do Metal de Galicia, ata que en 1988, elixímolo como secretario xeral do sindicato nacional de CC.OO. de Galicia. Substituía, nada máis e nada menos, que a Manolo Amor Deus, un extraordinario líder sindical da Bazán ferrolá finado no 2007, cos pulmóns desfeitos polo amianto.
Suso formaba parte dese grupo extraordinario de sindicalistas de Comisións Obreiras, que foron os verdadeiros protagonistas da loita pola democracia. Manolo Amor, Pillado, Riobóo, Iglesias, Torrente, Julio Aneiros, Paco o Negro, Filgueira, e tamén o inesquecible Fernando Miramontes ou Sari Alabau, auténticos heroes da loita polas liberdades que aínda non tiveron o recoñecemento que merecen.
Sindicalista e tamén militante político, porque Suso aprendeu desde novo que a loita no interior das fábricas é imprescindible pero insuficiente para cambiar o mundo. Que fai falta política da boa, é dicir, a que ten como finalidade mellorar as condicións materiais de vida e de traballo da maioría social. Por iso militou no clandestino Partido Comunista de Galicia, con Geluco Guerreiro, en Esquerda Unida e agora en Sumar. Nos seus máis de 60 anos de militancia, sempre defendeu a unidade da esquerda como ferramenta fundamental para construír un mundo mellor.
Suso Díaz foi un home apaixonado, con múltiples facetas e afeccións, cun enorme interese pola cultura. Sempre contaba o día no que organizou un recital de poesía con Uxío Novoneyra, no círculo cultural de Perlío en Fene, que para sorpresa do poeta do Courel encheuse con centos de persoas.
Pero, sobre todo, Suso amaba a vida, pero sabía que alguén como el só pode ser feliz cando o dereito a unha boa vida pertence á maioría da sociedade.