Aos 19.158 de Jácome

Fernanda Tabarés
Fernanda Tabarés OUTRAS LETRAS

OPINIÓN

Miguel Villar

31 may 2023 . Actualizado ás 16:41 h.

Perdémonos hoxe unha disección emocional cirúrxica dos 19.158 ourensáns que o domingo apostaron por Democracia Ourensá. Que pensarán? Insisto no de emocional, porque confiar de tal xeito nun señor como Jácome e desatender a casquería vergoñosa deses audios nos que traza o planisferio do seu territorio político ten que responder a un espasmo anímico no que Jácome triunfa por ser o pícaro menor nunha fábula chea de tunantes que daría para un éxito na quincena de realizadores de Cannes, pero desalienta para todo o demais. A estas alturas, parece que os ourensáns votan ao actor que máis lles entretén, o máis estrambótico dun casting que parece unha parada de monstros políticos difícil de mellorar. Porque a cousa local converteuse nun desagradable sainete con liñas de diálogo alucinantes, mercadeo de coimas e cargos públicos, sorteo de multas ás fillas dos choferes, irmáns que cortan billas se non reciben 8.000 euros e unha infinidade de barbaridades antidemocráticas con pinta de ser moi pouco legais que empezan a parecer a cochambre dunha cidade errada.

Os grandes protagonistas da política na miña cidade valen hoxe para que os votantes se senten no sofá, saquen as palomitas do micro e gocen coa última trapallada do fresco de quenda, para seguir coas súas vidas cando ás 7 da mañá vólvalles a soar o espertador. A vida real está noutro sitio, non nas institucións nin en quen as ocupan. Hai un material impagable para facer unha versión local da serie Vota Juan ou unha adaptación miñota de Borgen , desbordadas as dúas series por unha realidade que, ollo, non se pode apagar co mando a distancia. E que desgraza.