Taiwan, China e un quixote galego

Jorge Quindimil COORDINADOR DO GRAO BILINGÜE EN RELACIÓNS INTERNACIONAIS. UNIVERSIDADE DA CORUÑA.

OPINIÓN

María Pedreda

12 ago 2022 . Actualizado ás 05:00 h.

Conflitos internacionais como o de Taiwan parecen non ter solución. E ás veces é mellor que non a teñan. A política retorceu o dereito no conflito taiwanés ata crear un limbo xurídico no que calquera solución podería supor unha catástrofe.

Taiwan pertencía a Xapón en 1945 cando se rendeu ante as potencias aliadas que lle deron o control da illa á República de China . A vitoria comunista na guerra civil en 1949 deu lugar á República Popular China e ao exilio do goberno da República de China a Taiwan. Cando Xapón renunciou de iure a Taiwan en 1951 xa era territorio chinés, pero quen era o lexítimo representante de China , Pequín ou Taipei?

Durante anos, a República de China , membro fundador de Nacións Unidas, foi o representante lexítimo de China desde o seu exilio en Taipei. Todo cambiou en 1971, cando a diplomacia de Pequín se impuxo á estadounidense en Nacións Unidas, logrando ser recoñecida como a lexítima representante de China . Foi considerada a maior derrota dos EE.UU. na historia da ONUDesde entón, China non deixou de incrementar o seu poder para illar a Taiwan. O mundo acepta a posición de Pequín, pero con reservas. Socios estratéxicos de Taiwan, como EE.UU. e a UE, aceptan que só hai unha China , pero non aceptan unha solución pekinesa que non conte coa parte taiwanesa.

O dereito internacional podería ofrecer unha resposta pola vía do principio de efectividade. Os feitos poden crear normas e no conflito de Taiwan consolidáronse con claridade varios: O único goberno lexítimo de China é o de Pequín; Taiwan ten todos os atributos dun Estado; e a maioría da comunidade internacional relaciónase con Taiwan «coma se fose» un Estado, pero sen recoñecelo como tal. Estes feitos apuntan cara a unha solución con dous Estados: China e Taiwan. O problema é que nin China nin a metade de Taiwan queren esa solución, polo que só queda manter o cómodo statu quo. Pero o tempo xoga a favor desa vía, cunha crecente presión internacional para incorporar Taiwan a organismos internacionais, e cun sentimento de identidade na illa cada vez menos chinés e máis taiwanés.

China quererá impor a súa vontade, mesmo pola forza, pero debería lembrar algo que sucedeu fai noventa anos. Un galego defendía a China e ao dereito internacional ante o mundo tras a invasión xaponesa de Manchuria. Ese galego era don Salvador de Madariaga, e a súa acérrima defensa na Sociedade de Nacións daquela causa xusta e de paz valeulle o apelativo de «Don Quixote da Manchuria». As súas palabras de entón seguen sendo hoxe tan lúcidas como idealistas: «O mundo ten necesidade de orde. Pero a orde non é os uniformes e os soldados; a orde é a regra; a orde é o dereito». Esa é a solución ideal para Taiwan, a do dereito e non a das armas. Veremos por cal decántase a política.