Palabras sucias

Fernanda Tabarés
Fernanda Tabarés OUTRAS LETRAS

OPINIÓN

David Aguilar | Efe

26 ene 2022 . Actualizado ás 08:51 h.

Non se sente cómoda a monarquía en determinadas contornas lingüísticas, coma se houbese unha resistencia léxica que non decae por moito que os herdeiros casen agora con xornalistas. O 13 de novembro do 2007, a Casa Real acuñou o histórico «cesamento temporal da convivencia» para confirmar a separación da infanta Elena, nunha estratexia de comunicación de conto dos sete cabritillos no que o divorcio era a patita do lobo que asomaba por baixo da porta, a puntita nada máis.

Esa evidencia de que hai palabras que se esquivan en palacio, talvez porque o que non se nomea non existe, repetiuse co bombazo no cuché da separación da irmá do rei, inmersa nun proceso de «interrupción da súa relación matrimonial» tan frío como quente debeu ser almorzarse co pai da súa loura camada paseando da man cunha rapariga por unha praia francesa. É doado pensar en Cristina repasando cada centímetro da foto e sentindo, talvez, que é moito máis íntimo entrecruzar cun home as falanxes que desfacerlle a cama.

Hai algo entenrecedor nesa resistencia lingüística da familia do rei, coma se as palabras fosen o último bastión dunha posición que perderon a base de escándalos mundanos cuxos detalles conviven na sección rosa cos gazpachos de Belén Esteban. Aférranse ao eufemismo coa desesperación dos náufragos e, de paso, permítennos corroborar que nesa decadencia seguen pensando que hai palabras sucias que as boas familias non pronuncian xamais. Fai un par de anos, a antropóloga inglesa Kate Fox publicou a listaxe de expresións que nunca utiliza a familia real inglesa. En Buckingham está prohibido dicir pardon, toilet, perfume, tea, lounge, posh e dessert. E en España, claramente, divorcio.