Era visto. Hai anos xa prognostiquei, por razóns de Estado, o divorcio de Iñaki Urdangarin e a infanta Cristina. Certo que se demorou máis do que cría, pero chegou.
Imaxino que os actuais monarcas non estarán demasiado apenados, dado o tremendo dano que o ex xogador de balonmán ocasionou á Coroa, pero esta columna non pretende ir por eses camiños.
Non penso nunha parella que o tivo todo e que a avaricia dun deles, ou dos dous, tirou por terra o que imaxinabamos sería unha vida regalada. Véñenme á cabeza os catro fillos dos ex duques de Palma e o mal que o deben estar a pasar.
Non por ser netos ou sobriños de reis levarano peor que calquera fillo da fiel infantería, pero o mediático achega un dano sobreañadido. Que se divorcien os teus pais á idade destes mozos non é prato de bo gusto para ninguén, pero xa son maiores para soportalo o mellor que saiban ou poidan. Desde o meu punto de vista, o principal problema destes mozos non soamente é que os seus proxenitores teñan decidido divorciarse, pois nestes momentos en que vostedes están lendo esta columna moitos miles de españois están a tomar a mesma decisión. O verdadeiro problema de Juan Valentín, Pablo Nicolás, Miguel e Irene Urdangarin e Borbón é que terán que aprender a vivir para sempre co estigma das tropelías cometidas polo seu pai, quen, por telo todo, quixo aínda ter máis. A avaricia rompe o saco. Vaia se o rompe.
Polo demais, un divorcio máis. De mutuo acordo e, se a filla pequena non tivese 17 anos, menor de idade, e sexa polo tanto preceptiva a intervención do ministerio fiscal, podería tramitarse mesmo nunha notaría.