Pablo Iglesias vaise á guerra

OPINIÓN

Nacho Galego | Efe

26 ene 2022 . Actualizado ás 05:00 h.

Pablo Iglesias non estaba morto, estaba de parranda. Era cuestión de tempo que o home volvese á lameira. Fíxoo deixando esta perla: «Eu xa non son político, podo dicir a verdade». Ou sexa, que nos tempos nos que era vicepresidente mentía máis que falaba, por se alguén aínda albergase dúbidas respecto diso. Pouco hai máis xenuíno que os seus xestos. Este é da súa reaparición. En plan, oian, que a min é que me pagaban por mentir. Iglesias irrompeu facendo fraco favor á súa presunta lideresa, Ione Belarra. Se ela figuraba pouco, agora case poderá pasar a engrosar o continxente de superheroínas Marvel, versión a muller invisible. A Pablo veulle de perilla, mesmo lla deixou na cara, que Rusia ameace con invadir Ucraína. Hai quen dirá que é máis fillo de Putin que de Joe Biden, pero el declarouse pacifista. Pacifista, o home que máis guerra deu na historia recente deste país. Píllase antes a un exvicepresidente que a un collo.