Dignidade económica e indignidade social dos mestres

Celso Currás
celso currás A Nosa ESCOLA

OPINIÓN

06 dic 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

A dignificación económica dos mestres non foi parella ao seu apoio e recoñecemento social. Hoxe, os docentes deste país están entre os mellor pagados dos países desenvolvidos, pero bótase en falta a valoración do seu traballo, en especial, por parte dos pais de alumnos. É unha das razóns da perda de motivación e mesmo do incremento de xubilacións anticipadas aos 60 anos, que privan ao sistema da experiencia duns profesionais que en moitos casos están nun bo momento da súa carreira. Do «non me xubilo, xubílanme» pasouse ao «xubílome, non me xubilan»... e non o fago antes porque non podo. 

A principal causa desta situación atópase, non obstante, na grande dificultade para impartir as clases con normalidade, debido ás competencias que se están a delegar no docente e que non lle corresponden. Conseguir que un alumno obedeza, que non moleste aos demais, que se sente tranquilo a traballar ou que teña, en fin, uns límites ben claros, é competencia exclusiva da familia, non da escola.

Mentres isto non sexa así, de nada han servir as reformas educativas, coas xa clásicas medidas ineficaces como materias a esgalla, novos currículos ou regalo de aprobados para promocionar ou titular.

A docencia resulta moi difícil en calquera etapa. Se o mestre emprega a autoridade, imprescindible para o seu labor, hase confundir con autoritarismo e seguro que vai ter problemas. Se esixe en función do programa e do seu traballo, desacordo seguro, véndose obrigado a baixar o nivel e aprobar moito máis do que considera xusto.

Se, en fin, tenta coordinarse cos pais para atopar puntos de encontro na educación, tempo perdido, debendo xa que logo asumir funcións que corresponden a estes. A falta de apoio ao labor docente e de titoría está a xerar moita conflitividade nos centros educativos e desanima a bos profesionais que acaban por adoptar posturas de desgana ou indiferenza.

Diante desta situación, a pregunta de se están ben pagados os profesores é difícil de responder. Comparados con quen? Con docentes doutros países que contan con respecto e apoio ao seu traballo, mal retribuídos. Con outros funcionarios do mesmo nivel que teñen mellores condicións laborais, tamén mal pagados.

En calquera caso, o problema que máis preocupa aos nosos mestres non é o económico, senón o alento para levar a cabo unha misión de grande transcendencia, que contribúe de maneira decisiva a formar persoas malia que na casa se reme en contra.