Luz para Casal

Manuel Luis Casalderrey
manuel-luís casalderrey RECUNCHO ABERTO

OPINIÓN

XOAN A. ADOITAR

06 dic 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Xa o intentei con Arcaico recibo da luz (La Voz, 9-6-21), pero os resultados foron nulos. Todo o mundo (ou case) utiliza o sinécdoque (toma unha parte polo todo) recibo da luz para referirse ao da electricidade ou da enerxía eléctrica. A luz (iluminación) é unha parte (pequena) da enerxía eléctrica consumida nunha vivenda, nun comercio ou nunha industria polo uso de electrodomésticos, ascensores, etcétera. 

Con todo, cando nos referimos á famosa cantante española, nacida en Boimorto (Galicia profunda?), na provincia da Coruña, si que se debe dicir Luz. Refírome, naturalmente, a Luz Casal, unha das solistas máis valoradas da canción española, coa que comparto a metade do meu primeiro apelido e, ademais, gústame como canta. Luz adquiriu fama internacional coas súas cancións, dun modo especial en Francia . É unha muller valente. Notificou que padecía un cancro de mama e loitou a brazo aberto contra a enfermidade á que conseguiu superar.

Unha contribución significativa de Luz Casal á sociedade é o Festival da Luz que se celebra en Boimorto a comezos de setembro. Durante tres días hai música e festa coa concorrencia de artistas de renome. É un evento cultural solidario (dóase integramente a recadación a actividades sociais) organizado por Luz Casal. Aquí si é Luz. Para todo o demais, electricidade ou enerxía eléctrica.