Baldwin

Mariluz Ferreiro A Mi BÓLAS

OPINIÓN

Baldwin en la ceremonia de los premios Emmy en el 2017
Baldwin na cerimonia dos premios Emmy no 2017 MIKE BLAKE | Reuters

24 oct 2021 . Actualizado ás 09:57 h.

As mortes absurdas, por evitables, son as que nos rumorean que todo pende dun fío, que cada día é un paso sobre o xeo. Como a do galego que faleceu ao caerlle o móbil enchufado na bañeira. Ou a da directora de fotografía que perdeu a vida ao recibir un disparo da pistola que empuñaba Alec Baldwin na rodaxe da película Rust. Esta última traxedia ha levantado a alfombra de Hollywood de tal forma que o rebumbio de precariedade e irregularidades eclipsa calquera brillo. Ademais, o episodio fai que as galerías da carcoma, unha vez máis, sigan estendéndose nas redes. Baldwin é un actor odiado polos trumpistas. O intérprete chegou un día como invitado o programa Saturday Night Live e imitou a Donald Trump no debate presidencial. O éxito foi tal, que quedou o papel de forma indefinida. A audiencia do espazo televisivo disparouse. Despois o magnate gañou as eleccións e nalgunhas análises chegaron a culpar aos guionistas e ao propio Baldwin de que, ao converter a Trump nun personaxe ridículo, contribuíran a que a xente deixase de percibilo como un candidato ao triunfo. Agora, desde o outro extremo, asoman a patita miserables que queren axustar contas, acusando sen piedade ao actor, un home que, para máis inri, mostrou o seu rexeitamento ao marco legal que permite a proliferación de armas de fogo nos Estados Unidos. Fai catro anos, Baldwin comentaba a noticia dun policía que matara a unha persoa en California ao dispararlle de forma involuntaria. E lanzaba esta frase en Twitter: «Pregúntome que se sentirá ao matar a alguén por erro». Ninguén debería sabelo.