Etiquética e cuantinegacionismo

Pedro Puy
Pedro Puy PUNTO DE VISTA

OPINIÓN

Juan Ignacio Roncoroni

19 sep 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Como podemos chamar a esas sentenzas que aspiran a describir universos morais no adhesivo dunha mandarina?», pregúntase Luis Piedrahita. Con moito máis humor pero coa mesma eficacia descritiva que o filósofo coreano crítico da sociedade dixital, Byung-Chul Han, o coruñés respóndese a si mesmo: «Etiquética: (…) Filosofía sintética, sincera y sin nada». Un bo exemplo dese «sintetismo» valeiro no discurso político é o que atribúe calquera problema en calquera ámbito da xestión pública aos «recortes». Se algo falla na sanidade pública, a culpa é dos recortes. Xurde un problema na educación: a causa son os recortes. Constátase unha carencia nun servizo social… os recortes.

Obviamente, a inxección de maiores recursos na produción de calquera ben público tende a xerar un mellor resultado. Pero, en primeiro lugar, só tende: o sintetismo do argumento dos recortes manifesta a súa vacuidade ao prescindir do concepto de eficiencia. Porque, como todos sabemos, unha mellora na utilización ou combinación da mesma cantidade de recursos xera un incremento da produción; ou, o que é o mesmo, cunha utilización máis eficiente de menos recursos podemos manter, e mesmo incrementar, a produción. Eso, e non outra cousa, é a eficiencia. Cando se cuestiona, por irreal, a posibilidade de «facer máis con menos» o que se está negando é unha evidencia: que é posible usar os recursos máis eficientemente a curto prazo. E se pensamos a longo prazo, e temos en conta os efectos das innovacións tecnolóxicas, non hai sector produtivo, sexa privado ou público, no que non se constate que, efectivamente, é posible facer máis con menos, e que esas ganancias en eficiencia son a base do progreso e do benestar da humanidade.

Pero deixando á marxe os aspectos cualitativos, resulta que a etiquética dos recortes tampouco é certa desde o punto de vista cuantitativo. Esta mesma semana fíxose público un informe, editado pola Asociación de directoras e xerentes de servizos sociais en España, que compara os datos de investimento en sanidade, educación e servizos sociais das comunidades autónomas durante a pandemia. Un informe que confirma os datos que, reiteradamente, a Consellería de Facenda e o seu titular explicitan, e que en síntese amosan que Galicia é unha das cinco comunidades autónomas nas que as políticas sociais ganaron peso no gasto público durante a pandemia; que o gasto en políticas sociais durante o 2020 en Galicia supuxo o 62 % do total dos orzamentos, cando a media de todas as comunidades autónomas está por baixo do 59 %; e que iso significa que en Galicia se destinaron a gasto social 2.727 euros por habitante, por riba da media de toda España, 2.590 euros.

Negar a posibilidade, empiricamente demostrada, de incrementar a eficiencia do gasto é grave, particularmente para quen arela xestionar algún día os recursos públicos. Pero aínda o menos comprensible que se negue a evidencia cuantitativa: simplemente non é certo que na última década en Galicia se recortase o gasto en sanidade, educación e servizos sociais. Unha especie de cuantinegacionismo, no que gastar máis se asocia a recortes. A oposición podería, por suposto, cuestionar como se gasta. Pero non negar a evidencia de que o gasto social se incrementou, e atascarse indefinidamente na falsa etiquética dos recortes, á que a oposición semella aboada para toda a lexislatura.

Piedrahita ten outra expresión para describir o estado mental polo que atravesa quen sabe que unha viaxe vai a ser longa e tediosa: «carretera e mantra».