A partida de xadrez da pandemia

César Casal González
César Casal CORAZONADAS

OPINIÓN

VICKIE FLORES

04 ago 2021 . Actualizado ás 10:16 h.

Apenas nenos, somos peóns. Oxalá dese igual negros ou brancos, pero non é así. As brancas levan vantaxe. No xadrez e na vida, tamén. Como peóns tenteamos un paso, ou dous, os máis atrevidos, preto das nosas nais. É a infancia que pode ser feliz ou un horror como calquera etapa. Ao crecer aprendemos certas regras e somos como poldros, cabalos máis ou menos salvaxes, sabemos xa saltar a outras pezas, ou a outros pezas. Podemos ir adiante e atrás. Ao carón ou ao outro. Imos crecendo, e cumprindo.

Logo convertémonos en mozos alfiles. Cos deberes feitos, somos capaces, e rapaces, de cruzar todo o taboleiro. Para comer aquí e alá. Arrogantes. Todo parece doado e consumible Saudamos desde a diagonal dos avións de baixo custo e algúns convéncense de que o mundo é o seu reino. Son décadas de esplendor, onde temos mil preguntas e dez mil respostas. Nada nos asusta. Estamos a encher sen sabelo as mochilas para algunha noite, insomnes, lembrar.

Chegan, e pesan, os anos. Somos adultos que se volven robustos como torres. Algúns somos pais e temos que ensinar aos nosos peóns que os pasos se empezan dando dun nun, dun escaque a outro. Volvémonos vulnerables. Xa o eramos cando alfiles, pero a arrogancia facía invisibles os problemas. Como torres con maior ou menor altura, calculamos máis, co compás da intelixencia e co manual do aprendido, se merece a pena cruzar en liña recta dun salto alén do taboleiro. Tamén gozamos doutro xeito, porque se nos vai gravando que a partida da vida chegará ao seu fin. Vemos aos nosos pais encorvarse ou os enterramos. Arribamos nos últimos lances, á vellez, como reis do taboleiro, outra vez pasos curtos. Buscando protección, como cando eramos peóns. Os que teñen ben a cabeza notan o divorcio entre o seu corpo lento e a súa mente áxil, de raíña. A raíña nas nosas cabezas é capaz de cruzar todo o taboleiro e volver sen inmutarse. Poderosa. Volátil. A máis valiosa. Os recordos así nolo reafirman. Pero esa seguridade, esa axilidade, só é nas nosas cabezas. Somos monarcas, si, pero a un escaque do despezamento. Do xaque mate. E así se vai a vida, nunha única partida. Non hai desquite. E o peor é que non o sabemos ben ata o final, cando é demasiado tarde para volver ser peóns.

Ou polo menos así era ata que chegou a pandemia e tirou o taboleiro. Xogo revolto. Igualounos na dor. Ensinounos que un alfil pode perdelo todo por un virus. Do mesmo xeito que unha torre ou un cabalo. Ou as brancas e as negras. Para xogar a partida completa, saboreando cada etapa, hai que coidarse. E non se deixen vencer polo outro virus, o virus do cansazo, pola fatiga pandémica. Algún día este pelotón de fusilamento será un mal recordo do que aprender para xogar a nosa partida de xadrez con educación, amabilidade e cortesía, con xentileza. Ai, que pouca xentileza hai nestes tempos da peste e canto ensina esa palabra.