Ana Peleteiro, tan negra e tan galega

Fernanda Tabarés
Fernanda Tabarés OUTRAS LETRAS

OPINIÓN

DYLAN MARTINEZ

04 ago 2021 . Actualizado ás 10:53 h.

Esa frase de Peleteiro con definitivo acento de Ribeira na que se reclama negra cunha contundencia que esmaga... Esa frase na que disolve a memez que significa cualificar «de cor» a todas as persoas alleas a un estándar caucásico imposible de delimitar, coma se entre a pel tirando ao verde dos de Ourense e o rosa pantone PMS 196 dun tipo da Baixa Sajonia non houbese os mesmos graos de diferenza. Esa frase e esa desenvoltura concluínte, «de cor son eles que cambian máis que o Sol». Esa frase...

Hipnotiza o carisma da atleta galega, a precisión coa que chama ás cousas polo seu nome, o seu desenvoltura intelixente na que se adiviña que pertence a unha familia poderosa, a súa avoa como referente, unha avoa que só falaba galego nunha daquelas aldeas, un avó mariñeiro que ía ao bacallau a Terranova e que morreu demasiado novo e esta neta que voa. Todo iso conta Peleteiro, tan negra e tan galega, mestiza como todas, pois todos saímos de África, cansada de contestar de onde es?, «son galega, non lle deas máis voltas».

Ana Peleteiro Brión, do Celta como o seu pai, feminista, incipiente moza Almodóvar, seguidora de Xogo de Tronos e de Rafa Nadal, consumidora compulsiva de koyaks, tan normal e tan extraordinaria, dura e vulnerable segundo confesión propia, un furacán da nosa mellor versión, a muller que hai un ano aclaroulle ao Vox verde de Abascal: «O único que Galicia ten verde son os montes»

Esa frase de Ana Peleteiro con definitivo acento de Ribeira na que se reclama negra cunha contundencia que esmaga. Ese «somos negros» co que resolveu sen aditivos toda a basurilla mental que contamina a algúns. Esa frase... Que frase.