De patanes e astronautas

OPINIÓN

JOE SKIPPER

22 jul 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Hai 52 anos, o 21-07-1969, ás 2.56 horas, Neil Armstrong, tripulante da nave espacial Apolo XI, imprimiu a pegada da súa bota, por primeira e única vez, na superficie da Lúa. Un avance tecnolóxico de capital importancia, e un fito histórico, que o propio Armstrong relatou, para as televisións en branco e negro, coa frase espontánea e máis traballada de todos os tempos: «Este é un pequeno paso para un home, pero un gran salto para a humanidade». Nas antípodas daquel prodixioso acontecemento, o pasado 20 de xullo, o ricachón Jeff Bezos montou tamén o seu mediático show, que, de ter estado asesorado por min, inmortalizouno así: «Este é un pequeno paso para a humanidade, pero un gran salto para o home máis rico da terra». Tería quedado tan satisfeito como Cervantes cando se referiu á batalla de Lepanto como «a maior ocasión que viron os séculos e agardan ver os vindeiros». E a miña minuta, por metelo nos dicionarios de frases soadas, non superase o millón de euros (+IVE), que para el sería como invitarme a café.

Non serei eu, liberal confeso, quen diga aos ricos como deben empregar o seu diñeiro. Pero, sendo politólogo, non podo deixar de preguntarlle aos medios de comunicación, e a todos os seus seguidores, que ten de mérito, ou de graza, 52 anos despois daquilo, a fazaña de Bezos: unha viaxe de ida de cinco minutos; un minuto no límite do espazo exterior; un malgaste de enerxía que vai contra a sustentabilidade do planeta, e deixarse caer, outros cinco minutos, colgado dun paracaídas. Un feito ben vulgar, como veremos, que, podendo ser noticia no Financial Times, que sempre fala de negocios e de empresa privada, non ten sentido, nin valor, para os medios de información xeral.

Desde o punto de vista tecnolóxico, o feito por Bezos é tan vello como un turismo a gasógeno. Desde a perspectiva cosmolóxica -física ou metafísica- a súa viaxe non é máis que unha ridiculez, que se confronta cun desmesurado universo, ocupado por billóns de soles, planetas, cometas, buracos negros e galaxias, todos separados por anos luz, e en prodixiosa expansión e acelerados movementos. Un espazo do que o ignoramos case todo, e sobre o que Jeff Bezos fai unha viaxe -«coma de aquí a Soutelo», diría o meu pai- que dura once minutos. Finalmente, desde o punto de vista da curiosidade e o pracer, témome que non pasa de ser ese desvío que fai o autobús de seareiros que van á final da Champions, e que se desvían da ruta para cruzar París, perdendo dúas horas, para «poder dicir que estivemos alí».

¡A ver! Diñeiro, o que se di diñeiro, si que vai gañar o magnate Bezos. Pero iso, obviamente, non é noticia. E por iso déixolles aí a pregunta: que facemos nós, como papanatas, diante do televisor, acirrando tanta e tan impostada vulgaridade? O único que se me ocorre é que moita xente o viu porque «se estouraba ou foguete non mo quería perder». «Tem sentido», como din no Brasil.