Sabedoría sen fondo

Pedro Puy
Pedro Puy PUNTO DE VISTA

OPINIÓN

20 jun 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

No discurso de recepción do premio Nobel de Economía no 1998, Amartya Sen narra como, ao inicio da súa vida profesional, sentíase algo incómodo nun entorno académico (o Presidency College de Calcuta) que militaba maioritariamente na «esquerda estándar»: Compartía cos seus colegas o compromiso coa igualdade nunha sociedade india que nos anos 50 tiña presente a fame negra bengalí de 1943 (3 millóns de persoas mortas de inanición); pero non entendía a falla de compromiso dos seus colegas co pluralismo e a tolerancia, que erroneamente asociaban ao foráneo pensamento ilustrado europeo, cando en realidade forman parte esencial de varias e longas tradicións de pensamento, como a hindú. Sen conta que a preocupación por compatibilizar o benestar coa tolerancia e o pluralismo explican a súa excepcional e unanimemente respectada obra en Economía e Filosofía Política e Moral.

No ano 2012, no peor da crise económica xerada polo afundimento do sistema financeiro, Sen publicou un artigo en New Republic, non moi coñecido, no que opinaba sobre a austeridade, ese concepto que para moitos xa é sinónimo do mesmo diaño. Sen, formado da man de Joan Robinson nun Cambridge no que conviven, en debate construtivo, brillantes economistas neoclásicos, neokeynesianos e marxistas (bandos nos que nunca se aliñou), sostiña en 2012, como unha ampla maioría de economistas profesionais, que as políticas de austeridade eran contraproducentes nun momento de recesión, facendo súa a crítica keynesiana de que a contracción do gasto que os organismos internacionais lle impuxeron a tantos países non era correcta. Pero engade Sen, en coherencia co enfoque co que se aproximou a tantas cuestións (por exemplo, á medición do benestar), que «temos que ir moito máis alá de Keynes para preguntarnos para que é o gasto público, ademais de para fortalecer a demanda agregada con independencia das súa composición. A resistencia dos países da Unión Europea aos recortes e á austeridade indiscriminada non se basea só, nin sequera principalmente, no pensamento keynesiano, senón na crenza da importancia que teñen os servizos públicos non só no ámbito económico senón tamén no político».

A Unión Europea, que en 2008 reaccionou tarde (aínda que o fixo), e condicionada por outros actores (aquel FMI), acabou apoiando con axudas («rescates») á saída dunha crise que podería ter sido máis curta e menos dolorosa, ten reaccionado agora fronte a crise da covid-19 de xeito moito máis autónomo, máis rápido, e máis eficaz: está a financiar por vez primeira con endebedamento propio unha expansión do gasto excepcional, e a orientar o gasto dos países beneficiarios das axudas cara obxectivos relacionados co benestar. Un benestar que, como ten Amartya Sen abondosamente demostrado, non só depende da cantidade de bens producidos (PIB), senón de moitos outros factores que van desde a calidade do medioambiente á saúde, pasando pola distribución dos ingresos na poboación, a sensación de seguridade física e de pertenza a unha comunidade, ou a sostibilidade financeira dos servizos públicos.

Normalmente, unha persoa é honrada cando recibe un premio. Algunhas poucas veces é o premiado o que honra o galardón, como sucede co Príncipe de Asturias de Ciencias Sociais deste ano concedido a un home de sabedoría sen fondo, Amartya Sen. Confiemos en que o premio serva tamén para que en España se recupere o aprecio por valores como o da tolerancia, o pluralismo e o sentido de pertenza comunitaria. Sen ir máis lonxe, á hora de asignar os fondos europeos.