Ence: industria, emprego, sustentabilidade

Juan M. Vieites PRESIDENTE DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA (CEG)

OPINIÓN

CAPOTILLO

20 jun 2021 . Actualizado ás 09:41 h.

É posible e necesario apostar pola industria.

É posible porque a industria de hoxe é sostible e non ten nada que ver coa imaxe en branco e negro que ten unha parte da poboación. E é necesario, porque para contar cunha economía sólida e en liña coa folla de ruta marcada desde Bruxelas, a industria é indispensable. Máis aínda nunha comunidade autónoma, a galega, na que non sobran, precisamente, as empresas e as industrias tractoras da economía e o emprego.

A necesidade de avanzar cara a un modelo económico de futuro; de compatibilizar crecemento, emprego e sustentabilidade; de priorizar os recursos naturais e a economía circular, deberían levar a mirar cara a aquelas industrias aliñadas con estes principios.

Este é o caso da planta de Ence en Pontevedra: unha instalación respectuosa e segura co medio ambiente e as persoas, que cumpre sobradamente con toda a normativa ambiental e que demostrou o seu compromiso coa sociedade coa que convive: a de Pontevedra e, a maiores, a de Galicia.

Máis de 5.000 empregos vincúlanse á actividade desta instalación, cuxo futuro depende da decisión que, nos próximos días, tomará a Audiencia Nacional sobre os recursos presentados contra a prórroga da súa concesión.

Ao longo dos últimos dous anos falouse moito desta planta e do seu impacto na prosperidade e o emprego. Un emprego de calidade, dificilmente recuperable se Ence Pontevedra deixase de operar.

A actividade desta factoría promove a utilización dun material reciclable, biodegradable e cheo de posibilidades: a celulosa; se autoabastece con enerxía renovable; impulsa a xestión forestal sostible, clave para o coidado do monte e a prevención de incendios; e combate o fenómeno da denominada «España baleirada» a través do seu positivo impacto no rural.

Todos estes argumentos deben terse en conta. Non poden pasar desapercibidos nin verse eclipsados por outros intereses. Non podemos permitirnos prescindir dunha industria segura, eficiente, creadora de emprego e riqueza. Menos aínda cando os feitos e os datos aconsellan o contrario: apostar por ela.

Desde a Confederación de Empresarios de Galicia defendemos a continuidade de Ence e todo o que representa: unha aposta de futuro por Pontevedra, por Galicia e pola industria: o único sector que demostrou ser capaz de resistir, preservar a actividade e o emprego e empurrar a economía en momentos de crise como os que provocou a pandemia.

É momento de agardar á decisión da Xustiza. O cesamento da actividade desta planta sería difícil de explicar ás miles de persoas e familias cuxo modo de vida pende da mesma.

Aproveitemos as oportunidades que temos en lugar de dinamitalas. Saquemos vantaxes dos investimentos e os novos proxectos que esta planta pode impulsar desde Pontevedra.

Xogámonos moito. É o momento de mirar cara a un futuro de prosperidade, emprego, seguridade e sustentabilidade.