Benvidos a Youtubia

Beatriz Pallas ENCADEADOS

OPINIÓN

20 jun 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Contan que o propio Miguel Bosé séntese máis que satisfeito coa imitación que Raúl Pérez fai do seu novo eu rouco e conspiranoico. Caricaturas como esa e outras que o cómico vén facendo nos últimos tempos en Latexa Motiv, con dobres en carteira como Abel Caballero, Pedro Piqueras e Fernando Simón, convérteno nun mestre da parodia contemporánea decidido a levar o seu don para fotocopiar persoas ao seguinte nivel. Agora, no seu novo programa Expediente Pérez, de Movistar +, dá un paso máis e, entre bromas, sinala moitas das extravagancias e os egos que rodean ao mundo dos youtubers. Con ese afán imita a un Ibai Llanos que habita nunha mansión nova que parece o hotel Overlook, do resplandor, e a un Rubius transformado en xefe de estado de Youtubia, un paraíso fiscal propio comprado en man polos creadores de vídeos para pagar aínda menos impostos que en Andorra.

O humorista leva a imitación ao paroxismo co apoio da inquietante tecnoloxía deepfake, coa cal consegue réplicas pluscuamperfectas de Fernando Alonso, Carolina Marín, Dua Lipa e Bill Gates. El só pon por baixo os xestos e a voz, pero na superficie as caras son as auténticas. Unha ferramenta turbadora que o cómico pon ao servizo do humor, pero que algún día, tempo ao tempo, acabará por darnos algún susto.