Alma multiorgánica

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira O Mirador DÁ CIENCIA

OPINIÓN

Cambridge University

20 jun 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Investigar onde temos a alma (ese concepto histórico que recolle a esencia do que é un humano) foi unha tarefa que ocupou a científicos dende sempre. Xa hai 25 séculos os gregos tiñan claro que ese lugar estaba dentro do cranio, aínda que dar co detalle do sitio foi unha aventura na que mesmo xogou un papel Leonardo da Vinci. E non pensen que é un tema resolto de todo. Cando parecía estar claro que ese lugar é o cerebro, descubrimentos recentes indican que unha parte da nosa conciencia depende doutras partes do corpo. Moitos experimentos céntranse no rol do chamado nervio vago: unha canle que cunhas 100.000 fibras conecta o cerebro con case todos os órganos maiores, dende o corazón ata o estómago, o páncreas ou o fígado; e serve para regular funcións como a respiración, o ritmo cardíaco ou a dixestión.

Pero o que se está sabendo agora é que esa comunicación, que vai nos dous sentidos (a chamada interocepción), afecta tanto aos órganos como ao cerebro; é dicir: os sinais eléctricos que saen dos órganos escalan ata ben arriba no noso cerebro e inflúen na nosa maneira de lembrar, de construír a maneira na que nos percibimos a nós mesmos e mesmo a maneira na que procesamos as nosas emocións. Hai experimentos con ratos nos que se ve como, ao alterar o nervio vago, perden memoria, aumentan a súa motivación, etcétera. Os enfoques son numerosos, como por exemplo diminuír o impacto da depresión a través do estímulo dese nervio. Vai resultar que a clásica dicotomía corpo-alma terá que deixar paso a unha visión máis unitaria do que somos.