O terzo dos autoritarios

César Rodríguez Pérez
César Rodríguez XOGO DE TRONOS

OPINIÓN

BENITO ORDOÑEZ

11 jun 2021 . Actualizado ás 08:45 h.

A xornalista e historiadora estadounidense Anne Applebaum escribiu un dos libros do momento. O ocaso da democracia, a sedución do autoritarismo sinala de xeito elocuente a gran ameaza que se esconde tras as plataformas políticas que abusan das mensaxes simples e radicais. E que corren como a pólvora polas autoestradas das redes públicas e privadas, esas que poñen asfalto de primeira para o populismo e unha chea de fochancas e peaxes para outro tipo de argumentos, máis serios e sensatos.

Applebaum rescata no seu libro a investigación de Karen Stenner, unha especialista en psicoloxía política que argumenta que un terzo da poboación de cada país democrático ten unha predisposición natural ao autoritarismo.

As persoas con esta tendencia tenden a favorecer a orde e a homoxeneidade. E non son de dereitas ou de esquerdas (esa dualidade está superada). Sinxelamente, non lles gusta o pluralismo, a diverxencia ou a complexidade social. O segredo do éxito dos antiliberais ten moito que ver coa activación política destes perfís, antes reprimidos ou aparcados na marxinalidade. É solvente esta tese? Máis aló de que poidamos REVISAR discutir sobre se están afectados terzos, cuartos ou quintos, parece sólida e ben tirada. Con ela enténdense perfectamente moitas das mensaxes que circulan por algúns grupos de WhatsApp.