Subscríbete ou morre

Javier Armesto Andrés
Javier Armesto CRÓNICAS DO GRAFENO

OPINIÓN

13 may 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Klim, unha empresa americana de accesorios para motociclistas, lanzou ao mercado un chaleco con airbag que se infla en 60 milésimas de segundo en caso dun accidente, protexendo a espiña dorsal, o pescozo, o tórax e o abdome. Pódese levar debaixo da chaqueta, pesa só 1.500 gramos, é transpirable e, se temos a mala sorte (ou a boa, segundo mírese) de que entre en funcionamento, pódese reutilizar ata tres veces.

Este dispositivo, como outros airbag para moteiros que xa existen, conta cun sensor que está medindo constantemente a posición do usuario -1.000 veces por segundo- e é capaz de detectar unha caída. Ten unha autonomía de máis de 25 horas e 15 días en espera, e sincronízase co móbil a través dunha app mediante a cal podemos ver o nivel de batería, elixir entre dous modos de detección (Street e Adventure), chequear se o sistema de inflado está conectado e outras funcións.

O chaleco custa 399 dólares (uns 330 euros) e ten un compartimento para aloxar o sensor, unha especie de petaca que se adquire á parte. Fabrícao In&Motion , unha compaña francesa con sede en Annecy e que ten equipos similares para esquí e equitación. Ata aquí todo normal. A novidade está na forma de comercialización. Klim ofrece a opción clásica, comprar o sensor por outros 399 dólares, ou a opción «Revolution», que vén ser un alugueiro por 12 dólares (10 euros) ao mes ou 120 dólares (100 euros) ao ano. Perfecto para non ter que facer un desembolso tan forte ao principio ou para quen só usan a moto por tempadas. A través da citada aplicación creamos unha conta e subscribímonos, e inmediatamente o airbag pasa a estar operativo. Coma se fose Netflix. Pero agarden ao final da película.

Que pasa se non pagamos? Pois que nos dan 30 días «de graza» durante o cal o airbag segue funcionando, pero transcorrido ese tempo desconéctano e deixa de detectar caídas. Por suposto, envían notificacións e uns led no chaleco avisan de que está inactivo, pero ao final a responsabilidade recae no usuario (e a letra pequena déixao moi claro), que tamén ten que asegurarse de que o chisme ten batería suficiente. Pay perlive , que será o próximo? Un marcapasos por subscrición?