A batalla de Meirás continúa

Manuel Monge EN LIÑA

OPINIÓN

MARCOS MÍGUEZ

01 may 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Se alguén pensaba que remataría a batalla de Meirás coa sentenza do 2 de setembro de 2020, que ordenaba a devolución do pazo ao Estado, estaba equivocado. Asistimos a unha serie de resolucións xudiciais sorprendentes, disparatadas, e na rúa hai, cando menos, indignación.

Primeiro, a Audiencia Provincial da Coruña estimaba que os Franco eran «posuidores de boa fe» e que tiñan dereito a unha compensación económica polos gastos de mantemento. Isto lembraba a un okupa dunha casa durante anos que despois do seu desaloxo reclamaba os gastos ocasionados polo mantemento da piscina. Agora un auto da Audiencia Provincial revoca as medidas cautelares da xuíza de primeira instancia e permite aos Franco retirar os mobles. O mundo ao revés: os responsábeis do espolio de Meirás, da casa Cornide, das tallas de Isaac e Abraham, das pías de Muxía, etcétera, resulta que son «os bos da película» e o Estado queda como o malvado que quere incautarse dos bens que os Franco conseguiron con moito traballo. Os okupas durante máis de oitenta anos reclaman agora permiso para marchar cos mobles, provocando o efecto chamada para que outros okupas fagan a mesma petición.

Que facer? Os Franco seguen coa mesma táctica desde hai anos e consideran que a mellor defensa é un bo ataque, e para iso teñen unha amplo equipo de avogados que presenta continuamente recursos e denuncias contra historiadores e persoas que defenden o patrimonio público. As Administracións non poden amedrentarse e teñen que reaccionar defendendo a evidencia: a «Junta Pro Pazo del Caudillo», co diñeiro de galegas e galegos e de moitos concellos, merca o inmoble, é dicir, os edificios, pero tamén o seu contido cos mobles incluídos.

Por outra parte, o pazo de Meirás é un ben de interese cultural (BIC) con categoría de Sitio Histórico, dotado de protección integral, que comprende o continente e o contido dos bens mobles. Existen ademais informes de Patrimonio Nacional e doutros entes públicos con datos sobre o carácter público de moitos dos bens, procedentes de coleccións reais e obras de arte, que son patrimonio público. O escritorio de Emilia Pardo Bazán, tamén é dos Franco?

O Estado debería presentar as accións xudiciais correspondentes para conseguir un recoñecemento expreso da titularidade pública deses bens. E a Xunta de Galicia debería implicarse modificando o Decreto 299/2008 e publicando o catálogo de bens mobles como anexo da declaración de BIC para que queden asociados á categoría de Sitio Histórico. Isto é o que aprobou o pleno de Sada o pasado xoves.

Unha sociedade democrática non pode permitir que a familia dun ditador, que ocupa ilegalmente unha propiedade do Estado desde 1938, queira agora marchar cos mobles.