Unha tecnoloxía de utilidade xeral

Julio Sánchez Agrelo e Edita de Lorenzo Rodríguez

OPINIÓN

02 may 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

A Intelixencia Artificial (IA) combina tecnoloxías para dotar a unha máquina de habilidades similares ás dun ser humano como son o razoamento, a aprendizaxe, a creatividade e dotala de capacidades para xestionar e planificar. A Comisión Europea, con esta definición, destaca o papel da IA na transformación da sociedade e sitúaa como unha prioridade da Unión Europea.

Pode parecernos afastado e ambicioso pero a IA está presente no noso día a día desde hai anos. Convivimos coa detección facial nos dispositivos móbiles, utilizamos os asistentes virtuais (Alexa, Siri, Cortana) ademais de aplicacións que facilitan as traducións, vemos publicidade personalizada, e traballamos con motores de procura de todo tipo e gozamos de axudas na condución de vehículos sen que sexan completamente autónomos. A IA é transversal e está presente en todos os sectores: financeiro, de educación, comercial, sanitario, agrícola, en loxística e transporte, relacionado co clima e o medio ambiente, a saúde, etcétera.

A IA é un factor de progreso, que os economistas chaman «tecnoloxía de utilidade xeral», pola revolución asociada, como foron a electricidade, o motor de combustión ou os transistores. A IA está modificando a nosa forma de vivir e de traballar, de xeito directo, e indirectamente producirá a innovación que dela se deriva. O auxe da IA é imparable e hai informes de mercado que prognostican que o investimento mundial podería acadar os 35.000 millóns en 2023. O auxe en investimento privado e gobernamental é real e soamente en EE.UU. o número de start ups de IA multiplicouse por 20 en catro anos.

España creou a súa propia Estratexia Nacional de Intelixencia Artificial, presentada a finais do 2020 anunciando que destinará un investimento de 600 millóns de euros no bienio 2021-22 a medidas relacionadas coa IA. Recentemente, o estudo realizado por PWC e IBM, A realidade e as perspectivas da IA en España, inclúe os 12 sectores nos que a IA terá un maior impacto a curto e medio prazo e sitúa como primeiro ao das telecomunicacións.

A formación necesaria para a IA require coñecementos relacionados con software e algoritmos que utilizan os asistentes virtuais, os motores de procura ou os sistemas de recoñecemento de voz e rostro, así como na análise de imaxes, por exemplo. A IA traballa con datos, que requiren de sensores instalados en robots, drones, vehículos autónomos ou en aplicacións da Internet das Cousas, coas adecuadas redes de comunicacións. Os citados coñecementos e tecnoloxías forman parte das competencias que se cobren desde a titulación universitaria habilitante para o exercicio da enxeñería de telecomunicación.

En Galicia, residen e traballan case mil enxeñeiros de Telecomunicación, e a Escola de Enxeñería de Telecomunicación titulou desde a súa creación en 1985 a catro mil profesionais, dispostos a ser protagonistas nesta nova e imparable revolución.