O estraño caso de AstraZeneca

Fernando Salgado
Fernando Salgado A QUILLA

OPINIÓN

DADO RUVIC | Reuters

23 abr 2021 . Actualizado ás 19:37 h.

O pasado 8 de abril, o tabloide británico The Sun abría a súa edición cunha porcentaxe impresa en enormes caracteres: 0,000095 %. Ese era o risco de morrer por trombosis tras ter recibido a vacina de AstraZeneca . Un por cada millón de doses inxectadas. Se ampliamos o abano cos pacientes a quen se detectaron trombos, aínda que non todos letais, a porcentaxe loxicamente aumenta: 0,00063 %. 222 casos entre 35 millóns de vacinados: un por cada 160.000, aproximadamente. Risco, sin duda, mínimo. Inferior ao de inxerir fármacos de uso común ou, sobre todo, non vacinarse e exporse ao contaxio. Tanto o ancián como o mozo lozano teñen máis probabilidade de sufrir unha trombosis por non vacinarse que por facelo con calquera das vacinas aprobadas. A pesar da evidencia, un estraño halo de desconfianza planea sobre a Faneca, como a empezan a chamar, cónstame, nalgúns lugares da costa galega. Tamén resulta sospeitoso que os seus dúas primeiras rivais, Pfizer e Moderna, aparezan como anxos sen mácula que veñen rescatarnos sen risco algún das fauces do virus. Seguro que non houbo mortes, por causas alleas ou non ao preparado, despois de inxectar as marcas fetén a millóns de persoas? 

Vaia por diante que, nisto da bioquímica e a farmacoloxía, son un profano absoluto. Cando preciso un medicamento, confío cegamente no médico do Sergas que o receita e o organismo superior que o aprobou. Xa que logo, baseo a miña perplexidade sobre o caso AstraZeneca non nas bondades ou defectos do produto, senón nun mero cálculo de probabilidades, terreo onde me manexo algo mellor.

A Axencia Europea do Medicamento, cando aprobou as vacinas de Pfizer, Moderna e AstraZeneca, deixou sentado que as tres eran moi eficaces e seguras. Pero unhas máis que outras, claro, porque non son idénticas. En canto á efectividade, cada unha delas tiña un 33 % de posibilidades de ocupar o faroliño vermello. Foi AstraZeneca. Ata aí, normal: unha tiña que ser. Despois apareceron os trombos e converteuse tamén na menos segura. A probabilidade de que a vacina menos efectiva sexa tamén a menos segura é dun 11 %. No medio, AstraZeneca incumpriu o contrato de subministración coa Unión Europea e suscitou un enconado preito. Matematicamente, a probabilidade de que as tres manchas mancillen a mesma camisa é do 3 %. Pode ocorrer: menos probabilidades ten vostede de que lle toque a lotería, pero non o descarte. Iso si, en contrapartida existe un 97 % de probabilidades de que esa concatenación de tres desgracias teña pouco que ver coa vacina en si.

Como non quero caer na conspiranoia nin acusar sen probas, limítome a ofrecer senllas pistas a quen desexe investigar o asunto. Unha, sobre o canibalismo do mercado farmacéutico: terá relación o prezo desta vacina, entre catro e dez veces máis baixo que os demais, co feitizo que lle botaron á compaña? E outra, de xeopolítica: de non ter existido o brexit, tería Europa o mesmo problema con AstraZeneca?