A Internet do diñeiro

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

SASCHA STEINBACH

18 abr 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Non é a primeira vez que me refiro nestas mareas a un libro publicado por Alianza Editorial mediada a década dos anos 70 titulado La Nueva Edad Media, catro ensaios asinados por Umberto Eco, Furio Colombo, Francesco Alberoni e Giuseppe Sacco, no que propoñían —hai case cincuenta anos!— unha análise non só da realidade social daquel momento, senón moi especialmente do que se anunciaba. Aínda a globalización non amosara todo o seu poderío. A explosión mundial das redes produciuse nos anos 90. Pero o horizonte pintaba xa como pintaba. O mundo empezaba a ser a pequena aldea da que falaba McLuhan.

 

 

Privatización do poder, perda de valor da política fronte os intereses de grupos económicos transnacionais, diñeiro sen patria, inseguridade, desigualdade, crecemento de sectores marxinados, multiplicidade de conflitos locais, disolución de vencellos sociais, autoritarismo, precariedade, crecemento da cultura visual fronte o discurso do texto (o logos), concentracións tecnolóxicas que disputan aos estados a capacidade de decisión e mesmo a soberanía… Son algunhas das cuestións que se apuntan no libro.

Nos últimos tempos asistimos ao crecemento espectacular das chamadas cibermoedas, tamén criptomoedas, unidades dixitais de intercambio que utilizan a criptografía (escritura secreta) para operar economicamente nos grandes espazos por riba do control dos estados e as políticas monetarias dos mesmos. Entendámonos, se aceptamos que historicamente a moeda é a expresión da soberanía da comunidade (o euro para a Unión Europea, por exemplo), as criptomoedas, que na práctica veñen ser moedas secretas, actúan ao servizo de entidades, grupos, consorcios ou centros de poder alén de calquera control que non sexan eles mesmos (ou un difuso consenso de asistentes), alta cualificación tecnolóxica á marxe da cidadanía. O propio concepto de cidadanía desaparece.

Nestes momentos operan no mundo arredor de 5.700 criptomoedas, a máis activa é o bitcoin, que xurdiu no 2009 sen que aínda hoxe coñezamos exactamente da man de quen (Satoshi Nakamoto é un pseudónimo que axiña desapareceu). Medrou espectacularmente na última década e polas súas características ten a gran virtude, para o capital, de vivir fóra de control, alén de impostos. Os seus principais clientes son especuladores ou evasores de divisas (mercados ocultos).

As últimas noticias din que Google quere promover a súa propia moeda. Tamén Facebook, e Apple, e Amazon... O discurso insiste en que, na práctica, dan máis seguridade que os Estados, entre outras cousas porque son ou se senten máis fortes ca eles. Os novos paraísos fiscais han ser, sen dúbida, estes territorios fóra de vistas, nos que teoricamente os ricos ansían ser cada día máis ricos e a pobreza mundial, mesmo nas sociedades aparentemente máis desenvolvidas, medra dun xeito espectacular.