A Núñez Feijoo encántalle Madrid

Ernesto Sánchez Pombo
Ernesto S. Pombo O REINO DA CHOIVA

OPINIÓN

XOAN A. ADOITAR

28 feb 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Repetiuse tantas veces que xa nos soa a mantra. Por unha banda, as voces que aseguran que o presidente galego Núñez Feijoo dará pronto o salto a Madrid. Escóitanse desde hai anos. E polo outro, a do propio interesado precisando que «non teño aspiracións de liderar o PP estatal». O único certo desta incógnita é o que el mesmo asegurou fai unhas horas. «A pregunta é un clásico e a resposta tamén».

Porque a ninguén se lle oculta o longo idilio de Feijoo coa política estatal e coa dirección nacional do seu partido. Un idilio que se mantén vixente, alimentado polo propio interesado e numerosos representantes populares; o último, o ex ministro Margallo. Axiña que supera Pedrafita, Feijoo móstrase extraordinariamente cómodo e non desaproveita oportunidade de exhibirse alá onde vai como home de Estado, abordando con confianza asuntos de ámbito estatal.

Unha ducia de anos gobernando unha autonomía conducen á chea e á preguiza. Como podemos comprobar. Porque é humano aspirar a novas metas. E o de Núñez Feijoo é un caso de libro. Se a día de hoxe non está en Madrid é porque as condicións da viaxe non lle foron favorables. Polos motivos que sexa, pero non lle foron favorables, ou polo menos tan propicios como el quixese.

Tampouco parece que se dean os requisitos neste momento, a pesar da profunda crise que vive o seu partido, sen liderado claro e ameazado por todas partes. E, como en anteriores ocasións, Feijoo non vai ir a Madrid a apagar incendios. Farao cando as chamas teñan sido sufocadas en Xénova 13, ou onde sexa que estean, e a súa tarefa céntrese unicamente na reconstrución. A rede de seguridade de que dispón en Galicia permítelle mentres tanto alimentar o idilio, saíndose mesmo do guion cando así o entende; aínda que ultimamente, desde a chegada de Casado, as saídas son máis das habituais.

A maioría dos que non residen en Galicia interpreta que a xestión do presidente galego contra a pandemia foi unha das mellores. E iso, que dúbida cabe, infunde ánimos. Se a iso unimos que xa ninguén nega que a Feijoo lle encanta Madrid, sabemos que, se se dan as condicións, subirá ao primeiro voo. Pero non irá apagar incendios.