Vale, falemos de Maradona

Eduardo Riestra
eduardo riestra TERRA DE NINGUÉN

OPINIÓN

30 novs 2020 . Actualizado ás 09:36 h.

Ao ver as rúas de Buenos Aires tomadas por ducias de miles de persoas, crin que se morreu o famoso escritor sen obra Jorge Luis Borges, e que os seus lectores mostraban frustración e desgusto comprensibles porque se marchase ao Parnaso sen ter recibido en vida o Premio Nobel. Pero fun á Wikipedia e vin que non, que Borges levaba case 35 anos morto. Xa fixándome ben, descubrín que choraban a morte dun líder espiritual que xogaba ao fútbol de xeito sobrehumana, só posible tratándose dun deus, ou mellor aínda, de Deus. Diego Armando Maradona, coñecido polo Pelusa -como Theotokópoulos polo Greco ou Cervantes polo Manco de Lepanto-, nacera nunha contorna humilde e non tivera acceso á educación. Logo, xa con diñeiro, tívoo, pero rexeitouno prudentemente. Preferiu acceder ao mundo do po branco e do alcol. É verdade que a súa carreira se viu freada nada máis chegar a España, moi nova, e aquí rompémoslle a tibia e o peroné da perna de meter goles -bo, eu non e vostede tampouco, foi unha tremenda coz dun vasco chamado Goikoetxea-.

 Pero recuperouse en Italia, rodeado de pícaros e camelos. A semente da divindade foi sementada no mundial de fútbol de 1986, onde meteu dous goles divinos. Un coa man e outro co pé. Desde entón, mentres os seus fieis tatuábanse os brazos ou as costas coa súa cara, el ía do caño a Cuba e de Cuba ao caño. E algúns din que ás veces lle soltaba un sopapo á súa muller. En fin, un ídolo, e non como o tal Borges.