«Só chaman para facer probas aos funcionarios do Sergas, aos demais que nos parta un raio»

Cartas al director
Cartas ao director CARTASALDIRECTOR

OPINIÓN

SANJAY BAID | Efe

26 novs 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Inxustiza político-sanitaria

Desde o momento en que empezamos con este problema tan grande que sufrimos puiden ver que, cando se fala de probas (PCR, etcétera), só llas fan a persoal que pertence o Sistema Nacional de Saúde. Por exemplo, en Galicia só chaman para facer probas aos funcionarios do Sergas, aos demais (Isfas, Muface...) que nos parta un raio.

Creo que, tendo en conta que todos os gastos derivados da pandemia saen dos orzamentos de todos os españois, debería facerse as probas a todos e cada un de nós sen ter en conta a mutua á que pertences, xa que como funcionarios temos unha mutua imposta e podiamos estar no Réxime Xeral da Seguridade Social como obreiro español.

Se os políticos só pensan nos do Sergas, os non pertencentes a este sistema, poderiamos ser asintomáticos e estar a facer agasallos sen querer. José Manuel Vázquez Núñez. A Estrada.

Estamos confinados?

Esta é a pregunta que me fago ultimamente. Se non fora porque os bares e restaurantes están pechados un diría que, realmente, esa é a única diferenza entre os concellos confinados e os que non. Vivo en Lugo e cando estaba prohibido reunírmonos persoas non conviventes nas terrazas e no interior dos bares aquí, a diferenza de Ourense, a policía local non ía pedindo o DNI pra comprobaren se os que estaban en animada charla sen máscara vivían ou non no mesmo enderezo. Por outra banda, todo este mes tiven que me desprazar de Lugo a Santiago e Pontevedra por razóns médicas en varias ocasións. Non me atopei con control ningún nunca. Se quixera, podería parar en Arzúa ou Melide a tomar tranquilamente un café sen temor ningún a ser multado. E aínda se pregunta o Goberno galego por que é que non baixan os casos tanto como tiñan previsto? Antón Méndez Gándara. Lugo.