Non podemos seguir enganándonos

María Jesús Fernández ECONOMISTA SÉNIOR DE FUNCAS

OPINIÓN

11 oct 2020 . Actualizado ás 11:15 h.

A partir do 2025 -é dicir, pasadomañá empézase a xubilar a xeración do baby boom, a cal é moi abundante, probablemente máis lonxeva, e recibiu salarios máis elevados que os actuais pensionistas, e xa que logo xerou dereito a pensións máis elevadas. De modo que, se o sistema segue funcionando como ata a actualidade, o gasto en pensións crecerá máis que o PIB ano tras ano. Isto implica que o gasto se incrementará continuamente -durante talvez dúas décadas- máis que os ingresos por cotizacións sociais. E é aquí onde se atopa a orixe do problema do sistema de pensións, xa que, evidentemente, isto é insostible. Tras a derrogación da reforma do 2013, as propostas que se presentan dentro do Pacto de Toledo van na liña de traspasar gastos que agora corren a conta da Seguridade Social cara ao Estado, como as pensións non contributivas, as bonificacións ás cotizacións sociais, e mesmo os soldos do persoal da Seguridade Social.

En primeiro lugar, eses gastos teríaos que pagar o Estado, así que non teremos eliminado o déficit, simplemente o teremos transferido a outro sitio. Pero o que é máis importante, iso non cambiará a dinámica fundamental do problema: o gasto en pensións seguirá crecendo máis que os ingresos por cotizacións. Aínda que traspasásemos ao Estado tantos gastos que deixásemos hoxe a cero o déficit da Seguridade Social, mañá volvería abrirse unha fenda entre ingresos e gastos, que se ampliaría ano tras ano.

En realidade, o crecemento ano tras ano da fenda entre ingresos e gastos vén producíndose desde hai tempo, pero nos últimos anos maquillámolo elevando as cotizacións sociais pola vía da subida das bases mínimas e máximas. É dicir, subindo os custos laborais. Pero este truco só se pode usar uns poucos anos. As cotizacións sociais, que son o imposto máis destrutivo de emprego que existe, non se poden subir todos os anos, e moito menos nun país cunha taxa de desemprego estrutural do 15 %, e aínda menos tras o covid.

Outra proposta consiste en subir outros impostos, como o IVE, e destinalos ás pensións. Pero isto ten máis implicacións do que parece, xa que rompe coa esencia do sistema de pensións, que é contributivo e de repartición, o que obrigaría a reformular moitos elementos do seu funcionamento. Ademais, tamén impón un custo á economía, agora inasumible.

Ao final, todas estas propostas só son autoengaños para atrasar o inevitable. A Seguridade Social non deixará de pagar as pensións, pero terá que reducir a súa contía.