Piqueras e «Sálvame»

Beatriz Pallas ENCADEADOS

OPINIÓN

27 sep 2020 . Actualizado ás 12:24 h.

O informativo de Pedro Piqueras foi durante anos o líder imbatible da información en televisión. Non importaba o que pasase no mundo, cada noite boa parte dos espectadores elixían para informarse as novidades que el contaba. A experiencia do presentador era un dos factores que inclinaban a balanza a favor de Telecinco, pero existía outra razón poderosa na que influía menos a decisión consciente do público e máis a inercia do mando a distancia: miles de seguidores de Pasapalabra que seguían o Rosco ata o último segundo quedaban no mesmo canle para as noticias das nove.

Agora que Pasapalabra voou a Antena 3, o éxito de Piqueras baixou un banzo. Os seus resultados seguen sendo bos, pero Telecinco non quere un segundo posto. Así que inventou un recurso para intentar enganchar á súa audiencia máis fiel que por momentos roza o disparate: agora son os presentadores e colaboradores de Sálvame os que dan paso ás noticias. O invento xerou xa máis dunha situación esperpéntica. Como esta semana, cando Raquel Mosquera lle deu pé «ao gran Pedro Piqueras, un dos grandes do Telexornal que leva moitos anos nas nosas televisións». Ou cando en pleno mes de agosto introduciron o informativo bailando con música de discoteca e a primeira noticia foi a explosión de Beirut.