A que se aveciña en Ourense

Ruth Nóvoa de Manuel
Ruth Nóvoa DE ESGUELLO

OPINIÓN

MIGUEL VILLAR

25 sep 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Coñezo a uns cantos pais que se pelexan para que os seus fillos non vexan A que se aveciña. Hai anos que non me atopo cun capítulo en téea pero creo que o soez e o machista da serie xustifican dabondo o control parental. Por iso sorprendeume que o festival de cine de Ourense, que naceu co apelido de independente, anunciase que lle concede un premio na súa edición deste ano, apelando ao seu éxito de audiencia e á súa lonxevidade en pantalla. Pero logo deime conta de que ten sentido. Talvez é un sinal, un aviso para navegantes, unha profecía. Se cadra a mensaxe que se quería trasladar (o festival organízao a Deputación, que lle tomou a vez ao Concello hai uns anos) era que nos preparásemos. Que estivésemos listos. Se cadra o premio é unha forma de lanzarnos aos ourensáns unha advertencia desde a institución que preside José Manuel Baltar. Para que sexamos plenamente conscientes do que nos agarda cun Concello gobernado por tres amigos -Jácome e dous edís fieis-. A que se aveciña.

E así é. Máis aló das bromas e das ironías (foi Baltar quen lle regalou a alcaldía a Jácome cun pacto agora dinamitado), o certo é que non se pode obviar o que se lle vén amais á terceira cidade de Galicia e ás súas máis de cen mil veciños. Se en oito anos de gobernos minoritarios (os dous mandatos anteriores) a cidade foise quedando atrás, que non pasará agora que esa minoría é extrema, inédita e insuficiente. Como se vai sacar adiante entre tres persoas o traballo que xa dificilmente facían trece, os edís de Democracia Ourensá máis os do PP con responsabilidades municipais?

Estes días o alcalde de Ourense usaba imaxes da Guerra das Galaxias para presentarse a si mesmo e aos seus concelleiros como Luke Skywalker, a princesa Leia e Han Solo. Editando os fotogramas -dunha forma moi caseira, por certo, para ter unha televisión propia que leva tantos fondos do partido- quería aparecer como o salvador deste universo chamado Ourense. Tivese graza cando se dedicaba ao entretemento reivindicativo na súa canle, mesmo cando estaba na oposición. Pero reducir a situación a unha forza escura e a tres personaxes de ficción demostra o que é para Jácome o Concello de Ourense: unha diversión, un entretemento, unha cousa de risa...

O alcalde da terceira cidade de Galicia non pode limitar a crise de gobernabilidade na que está inmerso -os responsables son tamén os seus ata agora compañeiros e os seus ata agora socios- a un problema con Darth Vader. Oxalá puidese conxugar a xestión co humor, que a todos nos fai moita falta rirnos. Pero a situación da cidade, con decenas de cuestións pendentes, importantes e tamén urxentes, esixe pórse serio. E dar un paso á fronte.

Os personalismos -como tampouco os partidismos de quen se sentaron a agardar a que acabe a película- non poden determinar o futuro que se lle aveciña a Ourense.