Benvido 2021

Beatriz Pallas ENCADEADOS

OPINIÓN

EMMY AWARDS | HANDOUT

23 sep 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

A gala dos Emmy arrincou entre o desconcerto e a nostalxia que provoca observar un auditorio ateigado de caras famosas aplaudindo a rabiar os chistes de Jimmy Kimmel. Era unha miraxe. Un deses que unicamente a televisión pode conseguir a base de cortar e pegar imaxes. O presentador lanzaba o seu monólogo a un público que só existía na pantalla dos espectadores grazas á montaxe de escenas do ano anterior, cando as persoas aínda podían respirar sen temor o mesmo aire a escasos centímetros de distancia. En realidade o Staples Center era un lugar fantasmagórico que deixou para a historia unha imaxe impactante de bancadas baleiras e de Kimmel só sobre o escenario facendo un panegírico de todo o que fixo a televisión polas persoas en tempos de confinamento. «A televisión foi un amigo 24 horas ao día», reivindicaba.

A cerimonia dos Emmy salvou o seu papel como primeira gran entrega de premios en tempos de coronavirus e viuse forzada a reinventar o xénero para adaptalo á asepsia, o xel hidroalcohólico e as videollamadas. A máis viral de todas foi a reunión caseira das tres veciñas de Friends . A máis inspiradora, a que protagonizaron Reese Witherspoon, Kerry Washington e o seu equipo de Little Fires Everywhere celebrando un cotillón con conta atrás para despedir dunha vez por todas este ano e dar xa a benvida ao 2021.