A mentira de Jesús Vázquez

Sandra Faginas Souto
Sandra Faginas MIRA E VERÁS

OPINIÓN

BENITO ORDOÑEZ

16 sep 2020 . Actualizado ás 20:03 h.

Hai poucas persoas que digan que amenten. A mentira non está ben vista e con todo resulta imprescindible para sobrevivir ao noso día a día. Mentiras tan necesarias como cando lle respondes á túa nai que estás ben; cando lles dis aos teus fillos que non pasa nada ou cando lle sorrís ao teu xefe. Sen a mentira non cabe imaxinar ningunha relación social, pero empeñámonos en marcar cunha cruz a quen non din a verdade (cando en realidade ninguén é capaz de sostela). A mentira, dicía Sócrates, só pode admitirse diante dos inimigos ou fronte a aqueles amigos que se dispoñen a facer algo malo por insensatez. Pero non hai mellor mentira que a que nos deixa en paz cos demais. Contouno Jesús Vázquez esta semana no programa de Bertín Osborne. O presentador, acosado polos mentireiros que o acusaron de ter relacións sexuais con menores no famoso caso Arny, padeceu a dor de ir a xuízo por quen levantaron falso testemuño contra el. Nesa insoportable nebulosa de inxustiza e desprezo social, tivo que sufrir a enfermidade da súa nai, incapaz de soportar a pena do escándalo que se montaba ao redor do seu fillo. No seu leito de morte, a Jesús só outra mentira salvouno da que padecía nas súas carnes. «Confeseille a ela que por fin estaba libre, que o pesadelo se acabou; e ao día seguinte morreu». Nunca unha mentira foi tan verdade.