Agora a Casa Cornide

Manuel Monge DE COTÍO

OPINIÓN

SANDRA GARCÍA REI

14 sep 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Diciamos onte, 21 de xaneiro de 2020, no artigo A batalla de Meirás, que o maior éxito de todo o proceso é a «consecución da unanimidade de todas as forzas políticas na Deputación da Coruña e no Parlamento de Galicia para esixir á familia Franco a devolución do pazo de Meirás e sen pagar un euro».

Despois de Meirás, agora podemos conseguir a devolución ao patrimonio da Coruña da Casa Cornide. Partimos dunha situación favorable porque esa petición foi aprobada, tamén por unanimidade, no pleno de 12 de setembro de 2019.

Nos dous casos a familia do ditador Franco resístese, xa anunciou que presentarán recurso, a devolver esas propiedades ao patrimonio público. A sentencia sobre Meirás sinala que os Franco actuaron «de mala fe» para manter a propiedade cunha escritura de  compravenda de 1941, cualificada pola avogacía do Estado como «acordo fraudulento, negocio simulado, falsidade en documento público». No caso da Casa Cornide estamos ante unha operación de Estado que se organizou durante varios anos. Non podía aparecer como a cesión dunha propiedade pública a unha persoa privada como Carmen Polo, esposa de Franco, e por iso a solución para superar ese problema foi convocar unha poxa, previamente amañada.

Curiosamente, nos dous casos os organizadores do espolio son os mesmos, significados franquistas que se puxeron, a través da Junta pro Pazo del Caudillo, a disposición da familia do ditador: o empresario e banqueiro Pedro Barrié de la Maza e Alfonso Molina como enxeñeiro director de Vías e Obras. Sergio Peñamaría de Llano xestionou a adquisición de dúas parcelas particulares para Franco, lindeiras co pazo de Meirás.

A Casa Cornide foi mercada en 1948 pola Dirección Xeral de Belas Artes (Ministerio de Educación). Con Alfonso Molina como alcalde pasa a propiedade municipal en 1958 a través dunha permuta co Ministerio de Educación Nacional, que recibe a cambio unha parcela municipal en San Roque/zona escolar.

Sergio Peñamaría tramita como alcalde a venda cunha sorprendente rapidez, que se acorda no pleno de 3 de xullo de 1962. Barrié gaña a poxa-farsa celebrada o 2 de agosto de 1962 e adquire a Casa Cornide por 305.000 pesetas. Esa mesma tarde o pleno dá conta que Barrié solicita transmitir a propiedade a Carmen Polo. Tres días despois vendeu a casa a Carmen Polo por 25.000 pesetas, como figura na escritura. Unha trapallada!

Despois da destacada participación destas tres persoas nas operacións para que propiedades públicas -pazo de Meirás e Casa Cornide- pasasen a poder da familia do ditador Franco, merecen dar nome a rúas da Coruña, recibir a distinción de fillo predilecto ou a medalla de ouro?