Descafeinados

Inma López Silva
inma lópez silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

MABEL RODRÍGUEZ

02 ago 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Todo é insípido, eslamiado e monxil nestes seráns en que os teatros aplauden a medias, os concertos son en voz baixa e sobra sitio nos aparcadoiros das praias. Son os síntomas desta tristura instalada na pituitaria colectiva, máis ca nas urxencias de hospitais, nas bágoas dos enterradores, ou no neoloxismo nova normalidade. Coma se algo normal puidese ser novo en vez de raro, noxentamente raro coma o café sen cafeína que lembra a insomnes, cardiópatas e ansiosos que, aínda tomando café, extirparon o café das súas vidas. Así estamos nós, vivindo sen vida este verán en que teimamos en facer certo o tópico de sermos different, con terrazas repletas de amigos que se abrazan e brindan con sangría repartida da mesma xarra, mentres os namorados dubidan se retirar as mascarillas para bicárense diante da posta de sol. O mesmo solpor dos concertos en que as palmas se baten con medo a espallar o virus, e o dos paseos pola praia aspirando o olor rancio do filtro FFP2. Pero o certo é que, nesta condenada Galicia, o problema é volver ás escolas ou garantir a seguridade do persoal sanitario, mentres nos din que a culpa (culpa, que noxento concepto nacionalcatólico!) é de festas que ninguén limitou e botellóns que xa non eran estritamente legais antes do covid. A culpa, polo visto, non é de quen se nega a contratar mestres, médicos, persoal de limpeza, policías e rastrexadores. Hai que amolarse.

 Os aplausos descafeinados no teatro e as tímidas lágrimas que escorregan baixo as mascarillas mentres o sol se pon tralas Cíes, teñen que ver coa tristeza inmensa que xa se instalou en nós canda a decepción de saber que, por moito que fagamos, os incompetentes que xestionan todo isto son máis letais que o virus.