Anestesioloxía ante o covid-19

Servando López EN LIÑA

OPINIÓN

Eduardo Parra - Europa Press

08 jul 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Apandemia do covid-19 mostrou que precisamos racionalizar e xestionar adecuadamente todos os recursos sanitarios dispoñibles. Desde un primeiro momento, a Asociación Galega de Anestesioloxía, Reanimación e Dor puxo a disposición da consellaría recursos e coñecementos para afrontar a emerxencia. Tamén demandou estar presentes nos comités de crise covid-19 e traballar en equipos multidisciplinares utilizando as estruturas existentes.

Foi así como aumentaron as camas de críticos desde o inicio da pandemia: de 330 (177 adscritas a Medicina Intensiva e 153 ao Servizo de Anestesioloxía) a 689 (554 na rede pública e 135 na privada). Na rede pública ese aumento do número de camas foi posible grazas ao uso de camas polivalentes con recursos materiais e persoal cualificado xestionadas polos servizos de anestesioloxía para coidados poscirúrxicos. Ao paralizar a actividade cirúrxica electiva non oncolóxica dispúxose de recursos estruturais, espazos e unha organización de profesionais expertos en atender a doentes críticos.

A nosa implicación levounos a xestionar un importante número de pacientes que precisaron coidados críticos: fixemos un traballo moi eficiente, pero pouco recoñecido polas autoridades sanitarias ou os medios de comunicación. Nestes, reflectíase o medo a un posible colapso das camas de críticos, cando aínda había moitos recursos en anestesioloxía dispoñibles para ser utilizados. As áreas de reanimación, unidades de recuperación postanestésica e os propios quirófanos son estruturas equipadas con dispositivos de alta tecnoloxía e con profesionais expertos nestes coidados, pero pasan desapercibidas en moitas ocasións para as administracións sanitarias a pesar de contar cos mesmos recursos que as unidades de intensivos. As camas capacitadas para atender doentes críticos en Galicia nos servizos de anestesioloxía superan amplamente ás dos servizos de medicina intensiva, e o elevado número de profesionais anestesiólogos e a nosa polivalencia, farían posible ate triplicalas. Polo tanto, o problema non é de camas de críticos ou de profesionais expertos, senón de falta de visibilidade administrativa destes valiosos recursos.

Con todo, precisamos mais camas de críticos polivalentes nos servizos de anestesioloxía. Somos a primeira especialidade médica en número de profesionais nos hospitais que damos resposta ao constante incremento do número de procedementos diagnósticos e cirúrxicos. Pero o aumento de actividade e de profesionais non foi acompañado de camas para coidados postoperatorios. Necesitamos máis camas polivalentes para cubrir unhas necesidades cada vez máis esixentes, e tamén para facer fronte a posibles crises. Ben se viu nesta: os recursos de anestesioloxía foron fundamentais e os profesionais traballaron dun modo eficaz. Ante rebrotes ou outras crises cómpre facer un uso racional dos medios utilizando as camas xestionadas por anestesioloxía dun modo eficiente e activando todos os recursos a disposición do coidado do paciente crítico. Non malgastemos os recursos por oportunismo. Esiximos unha planificación con sentidiño e con eficiencia, non incrementar estruturas hospitalarias de críticos de forma permanente e sen unha demanda asistencial real que o xustifique.