Alcoa, como se chegou ata aquí e que nos agarda

OPINIÓN

Carlos Castro

29 may 2020 . Actualizado ás 10:45 h.

Nos tres últimos anos a planta de Aluminio de Alcoa na Mariña acumulou 165 millóns en perdas. A planta de Alúmina era a xoia da coroa, o ouro branco dicíase, pero o pasado exercicio tamén acabou en números vermellos. Xa nada é o que era. Estiman que ambas as plantas concluirán este 2020 en negativo. Neste momento sobreveu ademais a tormenta perfecta: o custo elevado da enerxía aquí, a sobrecapacidad de aluminio -en parte porque China produce o 60 % do aluminio no mundo e afunde o prezo-, e un mercado europeo paralizado pola pandemia. E chegouse ao límite. Un problema ademais de calado, estrutural.

Desde a multinacional do aluminio víñano advertindo desde hai case ano e medio: «Non é viable producir aluminio primario con este prezo da enerxía. Necesitamos un marco estable». De tan repetitivo soaba a refrán de canción; a ameaza que nunca se ía cumprir. A medida de presión.

Nos primeiros días de marzo Alcoa decidiu parar seis ou sete cubas cada mes no departamento de electrólise, na planta de Aluminio. Dicían que era unha medida temporal, pero había quen o vían como unha silenciosa conta atrás. E así foi, pero só contaron ata tres. A medida xa tivo consecuencias directas nas empresas auxiliares de Alcoa con 43 traballadores en ERTE . Nada, comparado co que pode supor este anuncio de despedimento colectivo; as auxiliares suman case 800 empregados e dependen da fábrica nai.

En Alcoa lamentan que o Goberno non teña dado ningún sinal «de que algo vai cambiar». E isto vai, ha ir, de sinais.

Pero hai que tratar de mirar á fronte, de pelexar polo que aínda se ten. Non é o fin definitivo de Alcoa na Mariña. Dicíano onte desde a empresa e resaltábano, enérxicos, os representantes dos traballadores. Hai que negociar aínda, hai marxe. E agárdase ao Goberno e á Xunta. E hai que pensar, sobre todo, que a costa de Lugo ten futuro.

É verdade que a planta de Alcoa achega o 33 % do Produto Interior Bruto (PIB) da provincia, pero unha zona privilexiada que ten mar, que posúe terra produtiva -coas mellores granxas recoñecidas de España- ten futuro: non é pobre. E A Mariña ten dous dos principais portos do Cantábrico; un potente sector da madeira e moita marxe aínda para crecer no sector do turismo.

Afundidos nunca.