De idade avanzada e risco

Uxio Labarta
Uxío Labarta CODEX FLORIAE

OPINIÓN

Non dispoñible

02 abr 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Máis da cuarta parte dos galegos superan os 65 anos, fronte a algo menos do 20 % en España. Se nos contan pasamos de 665.000 os galegos situados aí. Máis das dúas terceiras partes dos maiores viven en soidade ou en parella, e maioritariamente coidámonos en casa. Para iso, cando a atención é necesaria, acódese a coidadores informais, ben da familia ou contratados.

Pero hai necesidades que nin os coidadores nin outros programas públicos de atención en casa cobren. E aí están as residencias. Onde segundo os datos da web «Envellecemento en Rede do CSIC», existen unhas 373.000 prazas en España. Unhas 4 prazas por cada cen maiores, unha praza menos das recomendadas pola Organización Mundial da Saúde. En Galicia este índice é menor ­-3,3 %- e desigual. Lugo e Ourense superan o 4 %, e Coruña e Pontevedra non superan o 2,5 %.

En Galicia, desde a Lei 13/2008, as prazas en residencias de maiores pasaron de 12.000 no 2006 a máis de 20.000 no 2017. Hoxe temos unhas 21.000 prazas dispoñibles e listas de espera, aínda que só unhas 8.500 prazas existentes son públicas e outras 13.000 privadas. Ou por mellor dicir, o 77,2 % son privadas -un 5 % máis que no conxunto de España-, e o 22,8 % públicas. Programadas están outras 900 prazas públicas financiadas pola Fundación Amancio Ortega.

A atención aos maiores xerou o desenvolvemento dun novo sector de actividade económica, sostida por recursos públicos e cunha gran achega de fondos privados, sobre todo de pensións de xubilación. En Galicia o custo das prazas públicas representa máis do 40 % do orzamento destinado a dependencia, uns 160 millóns. Igual que sucede noutras autonomías das 160 residencias con prazas públicas, só 31 son de titularidade e xestión pública, o resto son de xestión concertada, ben con empresas privadas ben con organizacións sen ánimo de lucro. Atención externalizada.

É obvio que a atención aos maiores mellorou, ben polo esforzo público ben pola oportunidade de negocio de inversionistas privados. En Galicia tamén. Con todo, a pandemia de coronavirus deixou ao descuberto as carencias do sistema, entre elas a responsabilidade de supervisión por parte dos gobernos autónomos. O 85 % dos falecidos por coronavirus ten máis de 70 anos, idades onde se sitúan os clientes das residencias, e xa que logo os residentes son poboación de alto risco. Aínda coa pronta intervención das residencias privadas ou concertadas máis afectadas polo coronavirus en Galicia, a situación é grave, con máis falecidos e infectados do razoable.

A inspección e control sanitario en tales concentracións de anciáns era irrenunciable, e nas prazas concertadas e públicas radicalmente obrigatoria. Inspeccións, sancións e mesmo informes do Consello de Contas que os hai, á parte. E aí é precisamente onde están as responsabilidades, obviamente tamén das empresas.