Algoritmo contra o cocido

Manuel Luis Casalderrey
Manuel-Luis Casalderrey RECUNCHO ABERTO

OPINIÓN

XAIME RAMALLAL

18 feb 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Un algoritmo é, en síntese, unha secuencia de instrucións. Por exemplo, para multiplicar dous números de varios díxitos existe unha secuencia de accións (algoritmo) que todos coñecemos. Resulta que unha fotografía dun cocido galego, subida a Instagram o ano pasado, foi censurada e eliminada temporalmente. Ante as reclamacións e protestas, bótanlle a culpa ao algoritmo, aínda que este non ten culpa de nada. En todo caso a terían as persoas que deseñaron o algoritmo. En Instagram (La Voz, 24-10-2019) usan unha combinación de intelixencia artificial e informes elaborados por persoas para identificar publicacións. Pero algo debeu de fallar. Non aceptan violencia gráfica, linguaxe que incita ao odio, acoso e bullying, e espidos e actividade sexual. Unha foto dun cocido non encaixa en ningún destes apartados, aínda que, é verdade, existe moita carne. A pesar de todo, a foto do cocido foi eliminada polo maldito algoritmo.

O cocido galego forma parte da dieta atlántica, é un aceno de identidade de Galicia e a súa contribución ao aumento do colesterol é escasa. En primeiro lugar porque a frecuencia de consumo é moi baixa. Ademais, usando táboas de composición de alimentos, pódese calcular, aproximadamente, a cantidade de colesterol que se inxere nun cocido súper: pasa lixeiramente os 500 miligramos. Un par de ovos achegan 750 mgs de colesterol. ¡Vivan os entroidos!