A outra señora Fletcher

Ana Abelenda Vázquez
Ana Abelenda TELEPLACERES

OPINIÓN

15 feb 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Non escribiu un crime, pero o seu relato é criminal. Ten sentido do humor e do pracer. A señora Fletcher (a que é tendencia en HBO, na pel da gran Kathryn Hahn) non ten a discreción voyeur de Angela Lansbury. Deixou as perlas e cambiado a máquina de escribir polo portátil, para distraer a súa soidade, dar coba ás súas fantasías sexuais e escribir, coma se nada, a crónica mortal dunha muller divorciada de 40 e pico que traballa nunha residencia de anciáns, e acusa a síndrome do niño baleiro, un baleiro cheo de posibilidades tras a marcha do seu fillo á Universidade. Esta señora Fletcher non investiga nin escribe, pero dá nalgunhas teclas do xeito de vivir, amar, desexar, divertirse e resistir na cara confortable do XXI. A súa historia interprétaa unha muller, pero escribiuna Tom Perrotta. E é unha sátira fresca, irónica e sensual, cun pouso amargo, para ler dun grolo en Libros do Asteroide. Con notas cítricas e amargas, e piruetas de descaro e tenrura, Eve Fletcher seduce abrindo o primeiro botón da camisa da súa sensibilidade de nai abandonada, que recupera o chip daquela muller que foi cando tiña vida propia.

É divertido deixarse levar pola señora Fletcher. A de Perrotta, a que nos atrapa entre a clase e o bar en HBO, acendendo o desexo dunha segunda tempada.