Sanidade, pública?

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

JUNTA DE ANDALUCÍA

14 feb 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

A oposición parlamentaria en Galicia petou por fin co filón da sanidade pública e topou o grande problema social do Goberno do PP. Un asunto que atinxe á maioría da sociedade, a todos os que non poden pagarse a medicina privada, pero tamén a todos os que xa se afixeron ao longo da súa vida a seren atendidos na pública; o que afecta a todo o mundo rural que, cunha idade media moi superior á das cidades, é onde están as capas da poboación mais dependentes da atención primaria e hospitalaria. Coincide ademais con algunhas bolsas de votantes tradicionais da dereita.

O problema vense arrastrando dende que se inauguraron os gobernos de Feijoo, pero estoupou en Verín nunha mala hora electoral. Moitos analistas pregúntanse a que se debeu a torpeza de pechar o xa famoso paridoiro. Outros pregúntanse quen lle meteu ese gol ao presidente da Xunta pola escuadra surleste de Galicia no peor momento. Pode dárselle a volta á interrogación e facérselle á oposición. Con todo o deterioro que se fora acumulando nesta última década na sanidade galega por que non foron capaces de convertelo no problema social que estaba a ser. Paréceme un misterio. Hai cinco anos que me veño facendo esa pregunta. En moitos sitios -Madrid, Valencia- houbo reaccións moi fortes contra a privatización e os retallos pero aquí non. As desculpas foron numerosas e pode que tamén as dificultades da oposición e os sindicatos para construír un discurso alternativo. As esquerdas, sempre alerta contra a privatización vírona avanzar sen saber como parala.

O deterioro ven de lonxe. Primeiro a culpa levouna a crise, cos seus males asociados. Os primeiros problemas atoparon a comprensión social cara un Goberno recen chegado. Despois dende a consellería situouse en primeiro plano o envellecemento da sociedade galega, unha evidencia, e todo o mundo mercou ese argumento con visos de problema, que en realidade era unha primeira desculpa para despistar o auténtico. Os fideis votantes do PP -acérrimos, convencidos- seguiron insensibles ao problema mentres o deterioro non fora a mais. Pero foi. O primeiro toque de atención, co novo Hospital de Vigo, entendérono como parte do combate localista de Abel Caballero. A folga de urxencias en Santiago e as protestas das enfermeiras por todas partes, interpretáronas como politización (sic). Despois chegou Verín e o comandante mandou parar.

O empeño privatizador e os seus retallos son imposibles de tapar pero iso non abonda para explicar o que pasa. A pésima organización e o incremento exponencial da incompetencia no Sergas, non sei se xerencial ou política, xa colleu postura. Lendo os xornais, salta á vista quen ten vara alta na sanidade galega e semella que tamén a endogamia actúa como a Néboa da serie de TV, máscaras de urco incluídas. Sempre os mesmos coas mesmas respostas o mesmo mando e a mesma influencia na gobernanza sanitaria. Logo están os intereses de verdade, os da maioría. Todos temos casos que contar. As citas no móbil a maiores que non sempre se amañan ben coas mensaxes de texto. A retirada da listaxe de agarda aos que non queren ser operados na privada. A falta de profesionais non precarizados. A ineficacia colleu postura mesturada co interese privado. Ai do público!