O virus pode co Mobile

OPINIÓN

Europa Press | David Zorrakino

12 feb 2020 . Actualizado ás 20:34 h.

Parecía unha infección leve, pero o contaxio foise estendendo e onte xa eran máis dunha trintena as empresas que cancelaran a súa participación no Mobile World Congress. LG marcou o camiño, co argumento de «antepor a seguridade e a saúde dos seus empregados, socios e clientes», e o que parecía unha ausencia sensible pero non dramática —a compaña coreana é actualmente o oitavo fabricante mundial de smartphones, cunha cota de mercado do 3 %— agravouse grazas a un efecto bóla de neve que arrasou todo ao seu paso. As baixas de Nokia e Ericsson (europeas e líderes no negocio 5G), de AT&T, NTT DoCoMo e Deutsche Telekom (as maiores operadoras de telefonía de EE.UU., Xapón e Alemaña), de Intel , Facebook, Cisco e Amazon, entre outras, deixaron ao Mobile ferido de morte.

Moi significativo foi o caso da chinesa Vivo, sexto vendedor de teléfonos intelixentes e parte do conglomerado BBK, propietario tamén de Oppo (quinta no ránking) e OnePlus. Que unha firma do país asiático decidise non ir a Barcelona -tamén o fixo Umidigi, especializada en accesorios- indica que nin as presións de Pequín para defender a súa industria son máis fortes que a ameaza do coronavirus.

O Mobile é moito máis que estas multinacionais da tecnoloxía, que ocupan só un ou dous pavillóns dos dez que compoñen a feira. Pero as súas casetas son os máis grandes -e para montalos pagan sumas millonarias á organización-, mobilizan a miles de persoas e son as marcas que concitan maior atención mediática.

Máis que intentar salvar o evento, a GSMA estivo analizando as posibilidades de aprazalo. Algo complicado, porque os grandes fabricantes de smartphones non van agardar para presentar as súas novidades e ademais hai unha tendencia a facelo á marxe da feira, para diferenciarse do resto (Samsung e Huawei levan anos póndoo en práctica).

Para Barcelona, supón perder máis de 400 millóns de retorno económico e miles de empregos temporais, e sorprende que desde o Goberno central e a propia alcaldía non teñan sido capaces de defender este maná. Tería pasado o mesmo se o congreso se celebrase en Londres, París ou Berlín?