O coronavirus que viaxa desde de China

Carmen Montero Martínez ASINA INVITADA

OPINIÓN

MAST IRHAM

23 ene 2020 . Actualizado ás 08:36 h.

O novo coronavirus detectado en Wuhan, cuxo nome oficial é 2019-nCov, é unha mutación dun virus da familia dos coronavirus. Os estudos epidemiolóxicos suxiren que este virus procede dos animais, xa que os primeiros casos detectados rexistráronse en persoas que visitaran un mercado na cidade de Wuhan. Agora a preocupación vén dada pola detección dalgúns casos fóra de China e que este virus se poida transmitir entre humanos. Ata agora este tipo de virus transmitíase de animais ao ser humano e aí finalizaba a cadea de transmisión. Nestes momentos sospéitase que a transmisión poida ser entre humanos, aínda que isto aínda non está confirmado. Non coñecemos aínda o alcance da virulencia deste virus, aínda que parece que é menos que a doutros coronavirus. En todo caso, das máis de 300 persoas afectadas, só se produciu o falecemento de contados casos. A mortalidade e os casos máis graves prodúcense en persoas de risco, como son aquelas que padecen algunha enfermidade respiratoria previa ou no caso de pacientes inmunodeprimidos. En todas estas persoas con enfermidades crónicas calquera virus pode producir complicacións importantes, incluso a morte. Na maior parte das infeccións víricas respiratorias a mortalidade non é producida polo propio virus, senón pola descompensación que este produce sobre a enfermidade crónica. Este é o principal motivo polo que a todos os pacientes con enfermidades crónicas recoméndaselles a vacina.

Neste momento debemos agardar ás investigacións que está realizando a comunidade científica, así como aos resultados dos estudos epidemiolóxicos da OMS. Esta información será moi importante para coñecer a virulencia e a cadea de transmisión.

Os síntomas respiratorios deste virus son similares aos que producen outros virus respiratorios como a gripe. As complicacións respiratorias son a pneumonía e a bronquite, que poden causar fracaso respiratorio. En pacientes sen enfermidades previas, este subtipo de coronavirus pode dar síntomas moi leves e cúranse.

Non debemos alarmar á poboación ata dispor de máis datos.