Carta á ministra de Facenda

Fernando Salgado
Fernando Salgado A QUILLA

OPINIÓN

Eduardo Parra - Europa Press

22 ene 2020 . Actualizado ás 20:37 h.

Señora ministra: hai quen din que as débedas impiden durmir ao acredor. A miña experiencia, quizais por pertencer a un pobo que adoitaba selar os seus tratos ou formalizar os préstamos cun apertón de mans, dítame o contrario: coñecín a moitos debedores incapaces de conciliar o soño, obsesionados no seu insomnio co xeito de cumprir os seus compromisos.

Pensaba que vostede era un deles: a ministra que busca infatigablemente a fórmula para endereitar o agravio que herdou do señor Montoro e devolver ás comunidades autónomas os 2.496 millóns de euros -200 a Galicia- correspondentes á recadación do IVE en decembro do 2017. Equivoqueime. Vostede recoñece que a débeda existe, pero decide unilateralmente que prescribiu: «Esta medida decaeu». E resolve o contencioso con febles razóns políticas e pretextos xurídico-orzamentarios: «É unha cuestión que debería resolverse no 2019, e xa non é posible». Con todo respecto, ministra, esas só son desculpas de mal pagador.

Núñez Feijoo tacha de morosa á Administración central e eu falo de débeda contraída, pero ambas as cualificacións son, ademais de suaves, inexactas. Deberiamos falar de apropiación indebida, porque a metade do diñeiro recadado por IVE pertence ás comunidades autónomas. E háselles sisado unha parte deses fondos. A orixe da falcatruada remóntase a un cambio na contabilidade aplicado en decembro do 2017. O ministro Montoro, o seu antecesor no cargo, autorizou ás empresas a pagar o IVE o día 30 de cada mes, en vez do 20, e, en consecuencia, en termos de caixa, os ingresos contabilizáronse como xerados en xaneiro do ano 2018.

No tránsito, o Goberno escamoteó ás comunidades autónomas 2.500 millóns de euros. Pasaron a engordar, fraudulentamente, as arcas de Montoro. Vostede, naquel momento conselleira de Facenda en Andalucía, puxo o berro no ceo con toda razón. No outro lado, «ninguén do PP alzou a voz». Tamén é certo que, xa como ministra, o seu proxecto de Orzamentos do Estado tería liquidado o problema e con xenerosa propina engadida. E ata comprendo que estea molesta por ter sido «obxecto de burla» ao propor unha solución que formalmente atribuía trece meses de IVE a un só ano. Pero todo iso, a xénese montoriana e non monteriana do asunto, as limitacións dun Goberno en funcións e en prórroga orzamentaria, o labirinto técnico e xurídico, e ata os escarnios da feroz oposición, non xustifican a apropiación de fondos alleos. Poden explicar a demora en achar a saída, pero nunca o carpetazo.

O máis grave da súa argumentación, ministra, condénsase en catro palabras: «Xa non é posible». Quixo dicir que os Orzamentos non natos do 2019 eran o último tren. Discrepo por razón de principios. Hai poucas cousas que non poida facer un Goberno se conta coa maioría parlamentaria suficiente. Pero se vostede me asegura que nin sequera pode devolver o diñeiro que non é seu, como certifica o sistema de financiamento autonómico vixente, apaga e vámonos.