Vinte anos non son nada e son todo

Javier Domínguez Lino TRIBUNA

OPINIÓN

22 ene 2020 . Actualizado ás 10:38 h.

O pasado luns conmemorouse o 20 aniversario da inauguración do Complexo Ambiental de Sogama en Cerceda, a alma e epicentro da actividade desta empresa pública. Co aval de Europa, iniciouse entón un camiño no que houbo que sortear obstáculos, pero que tamén reportou grandes satisfaccións.

Galicia situábase nese momento como unha das comunidades pioneiras na xestión integral dos residuos urbanos, deixando atrás centos de vertedoiros incontrolados e miles de puntos de vertedura ilegal que danaban seriamente a contorna e representaban un risco para a saúde.

A nosa comunidade decidiu seguir os pasos dos países europeos máis avanzados, apostando por un modelo que daba prioridade á estratexia comunitaria das tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) e que complementaba coa recuperación enerxética da fracción non reciclable. A firme aposta por tecnoloxías limpas e de última xeración permitiu pór en valor un residuo que, doutro modo, acabaría abandonado nun vertedoiro, co consecuente impacto ambiental.

Un sistema tan doado de entender, aplaudido pola Comisión Europea e plenamente asentado en países do norte do noso continente, caracterizados por altos niveis de sustentabilidade, foi cuestionado en moitas ocasións por motivos que escapan á evidencia científica e atreveríame a dicir que á propia cordura.

Pero a realidade é teimuda e o tempo, que sempre acaba facendo xustiza, veu a demostrar de xeito incontestable as bondades do modelo Sogama. Proba diso foron os resultados dunha auditoría promovida pola Comisión Europea fai aproximadamente sete anos, a través da cal se acreditaron, unha vez máis, os incuestionables beneficios da actividade desta empresa pública para o medio ambiente, para a economía e para a sociedade.

Ao longo de dúas décadas evitouse que máis de 10 millóns de toneladas de lixo acabasen en vertedoiro, propiciando que recibisen o tratamento oportuno, conforme á lexislación vixente.

No entanto, e a pesar do receo que o éxito deste modelo ocasionaba en distintos grupos, o certo é que o número de concellos adheridos superou con fartura todas as previsións iniciais e o complexo cercedense pronto quedou pequeno.

Así as cousas, decidiuse proceder á ampliación do mesmo, incrementando a súa capacidade nun 81 % ata chegar a un millón de toneladas anuais. É dicir, esta infraestrutura pode tratar hoxe non só os residuos producidos polos 295 concellos adheridos a Sogama, senón os xerados en toda Galicia.

A construción e equipamento dunha nova planta de recuperación de materiais contidos no lixo en masa e a remodelación da antiga planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible permitirá á sociedade incrementar a súa achega á reciclaxe e chegar leste mesmo ano á vertedura técnica cero (10 %). É dicir, só se enviará a vertedoiro aquela parte dos refugallos que non se poida reciclar nin valorizar enerxeticamente, dando cumprimento, con 15 anos de antelación, ás directrices do Parlamento europeo para todos os Estados membros.

O actual Goberno autonómico sentou os cimentos para cumprir cos obxectivos europeos en materia de economía circular. E comezamos o ano cun fito incuestionable: Sogama é hoxe a planta das súas características máis eficiente de Europa e punto de referencia para o resto do mundo.

Vinte anos parecen non ter sido nada, pero fórono todo para deixar un mellor futuro aos nosos fillos, contribuíndo a que a nosa comunidade se sitúe nos primeiros postos do ránking da sustentabilidade.