Ter fillos fortalece ou debilita?

César Casal González
césar casal CORAZONADAS

OPINIÓN

pixabay

08 dic 2019 . Actualizado ás 15:28 h.

Elba Vázquez, 30 anos, incendiou a polémica coas súas sinceras declaracións á revista Yes de La Voz: «Un fillo cámbiache a vida, e eu non quero cambiar a miña». «Non ten nin idea», escoito nunha cafetería contestar a unha nai sobre esa cuestión palpitante. O debate lévame á pregunta: ter fillos fortalece ou debilita? Desde que tes fillos vas pasando por distintas etapas: do pai que comparte os virus e sae correndo con febre e co rapaz a que atendan ao neno (a min xa se me pasará soa a febre), ao pai que se converte en taxista ou condutor de Uber, se o prefiren, durante todo o seu tempo libre levando ao raparigo dun sitio a outro. O teu tempo libre simplemente deixa de existir ou existe doutro xeito. E logo está o pai que non pega ollo porque non sabe a que hora vai chegar esa noite a que foi nena dos seus ollos.

Non vou negar, e menos á nai que está na cafetería, que o vivido cos fillos xamais se esquece, aínda que o desgaste é brutal. É moito maior o que sofren as nais. O seu corpo cambia. A súa carreira laboral tende a estancarse, digan o que digan as empresas. A conciliación é case por completo cousa delas, aínda que os homes alardeemos do que non facemos. Elas son as campioas desta historia. O que queda a nós é unha humilde opinión do que impacta ser pai, mero dano colateral. É case mellor non pensar no balance e ter claro que che darán a patada e que rematarás, se chegas, nunha residencia, no mellor dos casos. Tamén é verdade que ter fillos faiche comprender, como non o fai nada, o moito que che quixeron os teus pais, de forma totalmente incondicional. É tanto o que os queres que, de golpe, entendes todos aqueles esforzos que facían a túa nai e o teu pai sen descanso, de xeito natural. Sen nin sequera exporse se compensaba. Eran outros tempos. Hoxe ves a vida que levan os que decidiron non multiplicarse, a envexa por esas palabras de Elba Vázquez che reconcome e éntrache un ataque de egoísmo terrible.

Compro que, ás veces, pásaseche, cando che desfás ao ver como a nena, hoxe moza, debuxa un simple sorriso. Ou ao entenderche cunha mirada co teu rapaz, pero a única fortaleza que che achegan os retoños é a de facer o imposible para intentar cubrir todas as frontes que che van xurdir e que, de verdade, non sabes cantos chegan a ser ata que a experiencia está aquí. Menos mal que están os avós, eses fenómenos que axudan ata cando non poden.

Os que teñen tres fillos parécenme heroes doutro planeta cando din que un máis non se nota. Nin pensar nos ingleses dos 22 retoños. E non quero quedar de pesetero (pola expresión pesetero danse conta de que fixen a EGB). Pero amais as familias dispomos dunha conta corrente nada corrente que adoita estar entre a ruína ou a quebra, números infravermellos, no que algo teñen que ver o que gastan os angelitos.