Mírame aos ollos

Francisco Castro
Francisco Castro A Canción DO NÁFRAGO

OPINIÓN

07 dic 2019 . Actualizado ás 14:13 h.

A imaxe pasará á historia. Un home engominado e unha muller en cadeira de rodas. Ela bérralle que non se fai política coas mortas. Ela explica que é inmigrante, que está así por un disparo que lle deu o asasino da súa irmá. Que leva así dez anos e que non cobrou un só duro de España. E que está traballando aquí e loitando aquí para que non se produzan máis mortas por violencia de xénero. Ela, berra. El, impertérrito. Nin a olla. Non se dá por aludido malia que lle está berrando, case chorando, na orella. Non, el foi alí a outra cousa. El foi alí a dicir que non hai tal violencia de xénero. E a atacar, de paso, ás lesbianas, xa saben, esas violentas. E a negar o obvio, o que vemos todos, o que semellaba, ata que apareceron os negacionistas, un axioma indiscutible. Coma Trump e Bolsonaro, negan a violencia de xénero. Un día destes negarán o Holocausto, o cambio climático e que a Terra é redonda.

Era un acto o luns 25 de novembro, unha data na que as xentes de ben se reúnen para dicir que nin unha menos, que xa abonda, que hai que frear isto de vez. Aínda que non, hai 52 deputados nas Cortes españolas, nalgúns parlamentos autonómicos, en moitos concellos, que din que non, que non existe o terrorismo machista, a violencia contra a mulleres, o feminicidio. Que o que hai é chiringuitos feminazis. Por iso non se digna a mirar para ela, a cravarlle os ollos e, polo menos, retrucar. Para que. Ortega Smith estaba alí para outra cousa.

En días coma ese luns, son moitas as persoas fieis ao PP que empezan a ser conscientes do prezo que se paga cando un se alía con grupos que retorcen tanto a realidade como para facela sangrar. Pero non poden dicilo en alto. Non poden por esa estraña forma de lealdade que é obedecer o que diga o partido aínda que o partido, como é o caso, se estea a trabucar dun xeito tan patente.

Feijoo repite que as eleccións se gañan no centro, na moderación. Mais o actual PP, por boca de Casado, afástase dese centro e di que non lle vai facer un cordón sanitario a Vox. Ou o que é o mesmo, que está disposto a sufrir as consecuencias dunha alianza que se a alguén pode desgastar é ao propio PP. É incrible que non se decaten diso. Porque Vox, amosándose cada día máis homófobo, máis machista, máis belixerante contra todas as formas de liberdade e diversidade que conseguimos normalizar nos últimos anos, Vox, non perde nada. Pero quen se alía con eles, si. Non me entra na cabeza que non se decaten. E de que con quen hai que estar é coa muller que berra. Non co señor impertérrito que vai ao seu. Tan feliz.