Europa, en modo «xirará»

Cristina Ares
Cristina Ares TRIBUNA

OPINIÓN

JULIEN WARNAND

02 dic 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Tras o venres de despedidas na Rue da Loi de Bruxelas -ademais de Juncker no Berlaymont, no edificio Europa ou «a casa dos Estados membros», Tusk recollía e daba a benvida a Charles Michel como presidente do Consello Europeo-; esta mesma mañá, no Quartier Européen de Bruxelas, comézase a traballar oficialmente nas prioridades do ciclo político 2019-2024, presentadas o pasado mércores por Úrsula von der Leyen, e concienzudamente acordadas, ao longo dos últimos catro meses, cos grupos popular, socialdemócrata e liberal, entre outros, e todos os líderes nacionais.

O quinquennat présidentiel se desperezó cunha reivindicación da identidade da Unión Europea, os seus principios e valores democráticos. Ante o Parlamento, von der Leyen asumiu o compromiso de protexelos, sen excepcións e con firmeza. A alemá promoverá a igualdade de xénero como nunca antes; como botón de mostra, os gabinetes da Comisión presentan xa unha composición paritaria e, en 2024, farano todos os niveis da administración.

Con motivo do trinta aniversario da Revolución de Veludo, citouse a Václav Havel, último mandatario de Checoslovaquia e primeiro presidente da República Checa, despois de ter sido activista en favor dos dereitos humanos e, por este motivo, varias veces encarcerado baixo o réxime comunista. Durante os próximos anos, a Unión Europea recuperará un papel máis activo na defensa da democracia e o diálogo en «un mundo axitado, con demasiadas forzas que só falan a linguaxe da confrontación e o unilateralismo; pero tamén (…) no que millóns de persoas se están lanzando á rúa para protestar contra a corrupción ou pedir cambios democráticos», subliñou a presidenta.

Así mesmo, con esperanza, que «non é a convicción de que algo sairá ben, senón a certeza de que ten sentido» (Havel), «a nosa Unión embarcarase, unida, nunha transformación que afectará a todos e cada un dos aspectos da nosa sociedade e a nosa economía» (von der Leyen). A partir de hoxe, a Comisión Europea, xunto co Parlamento e o Consello, tratarán de converternos no primeiro continente climáticamente neutro. Baixo o liderado do vicepresidente Timmermans, se implementará o pacto verde europeo, a nosa nova estratexia de crecemento e emprego, coa vista posta no ano 2050. Este pacto descansará nun plan industrial para a innovación, o desenvolvemento tecnolóxico e a apertura de mercados, que recortará emisións, e incorporará un mecanismo específico de transición xusta para asistir ás rexións que asuman un maior esforzo.

A unión dixital, a cargo da vicepresidenta Vestager, conformará a segunda prioridade ata o 2024. Daranse pasos para que Europa se faga coa propiedade de tecnoloxías crave. En cambio, en temas migratorios, agárdanse avances tímidos, máis aló da incuestionable resposta ás obrigacións para a protección internacional de quen o precisen. Na axenda social, se encumbran tres compromisos: por un salario mínimo xusto, o combate contra a pobreza infantil, e a loita contra o cancro. Os dous vicepresidentes da Comisión que mencionei -Timmermans e Vestager- foron as caras máis visibles dos seus respectivos espazos -socialdemócrata e liberal- nas eleccións europeas de maio. Mellorar a calidade da nosa democracia continuará resultando primordial. Non se descartan axustes institucionais, que se discutirán nunha conferencia sobre o futuro de Europa liderada polo Parlamento.

Nunha das súas últimas entrevistas, Juncker recoñecía que vía de forma similar os problemas cos que, ofrecendo solucións erradas, medraban os populistas. A oposición a Von der Leyen, máis aló dos partidos de esquerda e o escepticismo ecoloxista, virará en torno ao Reagrupamiento Nacional, a Liga ou Vox. Parece que ela observa a diario esas mesmas dificultades; coa súa propia linguaxe -o da confianza, a empatía e a creatividade- e, sin duda, ideas claras e certa graza, «xirará e xirará».