Subsidios, cocaína e putas

Francisco Espiñeira Fandiño
Francisco Espiñeira SEN COBERTURA

OPINIÓN

20 novs 2019 . Actualizado ás 09:28 h.

Andalucía ten motivos para levar as mans á cabeza. A comunidade española con maiores niveis de paro viu como durante anos unha trama organizada formada por conselleiros, directores xerais, técnicos da Administración e empresarios cómplices se lucraban con centos de millóns de euros que deberían ir destinados a cubrir a sangría do desemprego e que, en realidade, acababan en gastos en cocaína, putas e mariscadas. Unha romaría de farras particulares inxustificables. E máis cando España se desangraba na peor da crise da última década.

O das farras non é unha esaxeración. É unha das conclusións das máis de 1.800 páxinas nas que se resume a primeira das 147 causas relacionadas coa malversación de fondos na Junta de Andalucía durante os últimos vinte anos.

A estrutura de poder comandada primeiro por Manuel Chaves, que chegou a ser vicepresidente do Goberno e presidente do PSOE, e logo por José Antonio Griñán, ministro e presidente socialista tamén, como o seu antecesor na Junta , xamais fixo nada por investigar as decenas de denuncias que se amontoaban sobre o particular.

O relato dos feitos acumula unha infinidade de irregularidades que por si soas deberían abondar para que se esixisen consecuencias políticas: soldos astronómicos para persoas que nin sequera ían traballar, subvencións millonarias a chiringuitos de amigos, unha administración paralela dedicada á compra de favores... Andalucía necesita moita luz para acabar cos desmáns.

O máis sanguento é que Andalucía, a comunidade con máis paro de España, viu durante anos malgastar recursos en farras particulares