Negacionismo: ou peso dous mortos

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

29 oct 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Preparando clases leo en Margaret MacMillan que os réximes autoritarios utilizan a xestión da memoria do pasado -fala da China de Mao- como «un medio de control social» e tamén fai referencia á investigación da historiadora Esther Delisle sobre a elite franco-canadiana simpatizante do réxime de Vichy -colaboracionistas cos nazis- e «o silencio e as mentiras» daqueles homes que tiñan que «esquecer e facer esquecer a outros a súa atracción polo fascismo». MacMillan considera que se abusa da Historia «cando a xente intenta ignorar ou incluso suprimir probas que poderían impugnar a visión do pasado que prefiren».

Conforme o coñecemento do pasado deixa ao descuberto o carácter xenocida do franquismo, a medida que a Historia chama ás cousas polo seu nome e non polo que lle deu a ditadura (golpe, non guerra; asasinato, non fusilamento), reaparece un desesperado e romántico franquismo sociolóxico. Vémolo estes días, a conta do traslado dos restos do ditador, entre quen creron que reconciliación significaba esquecer e deixar de historiar porque nunca entenderon a reclamación de memoria que fixo Jorge Semprún dende 1975. Xa pasou antes doutro xeito, cos nostálxicos lectores de Vizcaíno Casas na Transición e cos entusiastas da versión franquista da historia de Pío Moa a comezos deste século. Preferiron ficción e mentira.

Este burdo negacionismo vai ser unha oportunidade de superar o silencio e as mentiras daqueles homes, recoñecer as verdades incómodas do pasado e que os historiadores falemos da Historia mal contada e acheguemos ao público os resultados das investigacións das últimas décadas. O negacionismo é unha reacción ben coñecida, apareceu en Francia cando se desvelaron os episodios de Maurice Papon e Klaus Barbie, pero alentou que o réxime de Vichy fose mellor indagado polas historiadoras, despois de corenta anos de democracia. Tamén pasou moito tempo antes de que se atendera á memoria de superviventes do Holocausto como Primo Levi ou Anise Postel-Vinay.

En España, nos últimos corenta anos a memoria estivo dominada pola lóxica da reconciliación, da que por idade e destreza historiográfica Santos Juliá foi un dos mellores expoñentes. Finado o día anterior da saída do ditador non puido vivir o que repetidamente reclamara por razóns intelectuais, históricas e de memoria persoal. Despois de corenta anos, este traslado de Cuelgamuros a Mingorrubio clausura simbolicamente o enfoque da reconciliación herdado do franquismo para situarnos noutra xeira definida pola democracia, os seus valores e a súa impronta nas xeracións máis novas. Asumida a reconciliación pública entre os contendentes -a privada foi outra cousa-, afrontar o pasado incómodo só poderá facerse dende unha memoria democrática.

En 1977 o peso da memoria era moito maior que agora, houbo unha explosión de historia e información sobre a República e a guerra, pero pouco se puido facer con toda aquela información, agás impor a superioridade moral do antifranquismo fronte ao franquismo. Non foi pouco, pero inevitablemente aquel triunfo foise co tempo. Marx rescribiu a Mateo para decir que «a revolución (a liberal) debe deixar que os mortos enterren aos seus mortos, para cobrar conciencia do seu propio contido». Pois iso.