Ningún bebé sen despedida

Jose Luis Fernández Trisac Ao DÍA

OPINIÓN

16 oct 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O 11 de outubro lin un chío de Joserra (\jramonfernandez) que dicía: «Un prematuro de case 23 semanas non pode morrer nunha fría mesa de urxencias. Debe facelo en brazos dos seus pais. Estas situacións non poden suceder e moito menos debemos aconsellar aos pais que non o vexan porque ‘se van traumatizar'. O trauma xa llo xeraron». José Ramón Fernández é un pediatra neonatólogo de Cartaxena, moi activo nas redes; por suposto expuña unha situación real, por el coñecida, e aclaraba que non ocorreu no seu hospital.

Eu son menos activo en redes sociais, pero ante determinadas situacións adoito reaccionar, e tras rebotar o seu chío acheguei un comentario: «É imperdoable que estas cousas ocorran nun centro hospitalario da nosa contorna. Os protocolos adecuados de duelo perinatal deben ser unha obrigación do bo profesional e un dereito das familias».

Onte celebrouse o día internacional de concienciación sobre a morte gestacional e perinatal. Trata de dar visibilidade a unha situación que afecta os pais de bebés que morrerán antes, ou pouco despois, do seu nacemento.

O certo é que é un tema que foi desprezado pola nosa sociedade, considerando o falecemento dun recentemente nacido no medio hospitalario como un problema menor, tratando ás familias que pasan por un deses momentos que, sin duda, serán dos peores das súas vidas, dun xeito indiferente e paternalista. Permitíndose facer recomendacións do tipo «sodes novos e podedes ter máis», ou desaconsellando aos seus pais o velo, o despedirse do seu fillo ou filla.

A morte perinatal inclúe a perda do fillo proxectado, a da familia imaxinada e idealizada nun futuro común. Os futuros pais lembrarán cada cara, palabra e xesto dos profesionais cos que se relacionarán durante todo o proceso, e é a nosa obrigación informalos, respectalos, apoialos e favorecer o seu duelo. A estas alturas ninguén ten dúbidas da necesidade de formación específica dos profesionais sanitarios e non sanitarios que interveñen no proceso, de regular e protocolizar no posible as intervencións para levar a cabo do mellor xeito o proceso ante unha morte perinatal ou neonatal. Tamén é evidente a necesidade de dar soporte e coidar aos coidadores que con frecuencia nos enfrontamos estas difíciles situacións.

En Galicia xa estamos a traballar nesa dirección, queda moi pouco tempo para que vexa a luz a guía de atención no proceso de morte e duelo perinatal, elaborada desde a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia. Sin duda será unha ferramenta útil que unificará e complementará as actuacións que se realizan nos nosos hospitais. E… non, un fillo ou unha filla non poden morrer sen compaña nunha fría mesa de urxencias. Cando escribo estas letras o chío de Joserra xa ten 1.163 gústame e 287 retuits.