Sobre «O que arde»

Nieves de Salgueiras TRIBUNA

OPINIÓN

13 oct 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Cando aínda non espertei do soño, e xa van varios días, cavilo que a emoción non me deixou articular palabra ao remate, cando Oliver pediu valoracións da recentemente estreada película O que arde, en Navia de Suarna.

A primeira parte do meu relato é para dicir que coñecín a Oliver aló polo ano 2011, cando unha tarde tristeira se achegou á modesta biblioteca municipal de Navia de Suarna buscando libros ou información dos Ancares. Ofrecinche o pouco que tiña e díxenche que quedases con eles porque os libros eran repetidos.

Nada máis falar contigo souben que lles ías sacar proveito. Cubriches a ficha regulamentaria! Non querías agasallos!

Tamén me preguntaches como tiñas que facer para empadroarte no noso concello, que eras de Vilela. Aí xa me desconcertaches! Aldea deshabitada e sen estrada asfaltada...

Aquela semana estabas na Semana do Cine de Autor de Lugo. E invitáchesme a ver a túa peli. Non fun, mais seguín a túa carreira por onde soaba ou lía o teu nome.

E volviches... home de palabra! E contáchesme o feliz que eras en Vilela.

Cando souben da túa intención de rodar unha película na nosa terra apostei desde o minuto un que sería un éxito, porque as cousas feitas con corazón pasan todas as dificultades. E aí está.

A segunda parte do meu relato é para dicir publicamente que como muller dun brigadista foi difícil ver as secuencias dos incendios da película. Cantas veces lavei esas fundas envoltas en cinza negra -hai que refregalas co cepillo antes de metelas na lavadora-. Agora son disimuladas, pero antes eran amarelas.

Cando aló polo ano 1999 ardeu toda a ladeira de Vilela vin como as brigadas dos Ancares e carrocetas se metían para a aldea. E como se oían as mangueiras, o renxer das lapas, os berros dos brigadistas... E eu miraba encollida desde o barbeito de Narois e cavilaba: que non lles pase nada! Desteitaron o voso hórreo de palla que xa prendera o lume nel e salvaron a aldea. Esa aldea que ti adoras porque aí tes boas raíces.

Cantas noites en vela a ver cando regresaba do lume o meu home. Non había móbiles... Agora vivo pendente de que chegue algunha mensaxe con ‘tamos ben’. Poucas palabras que din moito, coma no filme. Auténticos heroes pouco protexidos pola sociedade aos que ti lles dás visibilidade nunha película onde a realidade é a máxima protagonista.

Amor de nai, de muller, de habitante do rural, de… Amor! Parabéns, Oliver e equipo!